Tramitadas 24 denuncias por saltar o peche perimetral nun control conxunto das policías locais de Pontevedra e Poio

Pontevedra
07 de febreiro 2021

Axentes da Policía Local de Poio e de Pontevedra efectuaron na tarde deste sábado un operativo conxunto no nó de Bombeiros, parando máis de medio milleiro de vehículos e controlando o tránsito de entrada e saída de Poio, Pontevedra e Vilagarcía, así como da AP-9

Control da Policía Local de Pontevedra na ponte de  As  Correntes o sábado 6 de febreiro
Control da Policía Local de Pontevedra na ponte de As Correntes o sábado 6 de febreiro / Cristina Saiz

A policías locais de Pontevedra e Poio intensificaron durante esta fin de semana os controis para comprobar que se cumpren as medidas de restrición adoptadas para frear o avance da covid.

Así, ademais do operativo montado durante a mañá do sábado polos axentes de Pontevedra na ponte das Correntes, organizouse un dispositivo conxunto no Nó de Bombeiros á primeira hora da tarde co obxectivo de controlar o tránsito de entrada e saída de Poio, Pontevedra e Vilagarcía, así como da autoestrada AP-9.

Só nese control vespertino deuse o alto a máis de medio milleiro de vehículos, detectándose ata 47 infraccións.

A maior parte das denuncias tramitadas debéronse ao incumprimento das restricións. Desta forma 24 delas formalizáronse por saltar o peche perimetral, sendo infraccións cometidas por persoas da Coruña, Barro, Nigrán, Moaña, Caldas, Pontevedra e tamén de Asturias.

Pola súa banda tramitáronse tres expedientes sancionadores por reunión de non conviventes e catro máis por non levar posta a máscara.

A maiores detectáronse 15 infraccións de tráfico, das que cinco se correspondían con non ter en regra a ITV, tres polo mal acondicionamento da carga, dúas polo mal estado das rodas do vehículo e unha máis por desobediencia á autoridade, xa que un condutor tratou de evitar o control. Tamén foron sancionadas catro persoas por consumo de estupefacientes, o que ocasionou a inmobilización dos seus vehículos.