Tráfico sancionou na provincia 1.787 condutores no primeiro semestre por uso indebido do móbil

Arousa
10 de outubro 2024
Actualizado: 15:07

Outras 144 denuncias tiveron que ver co manexo de auriculares e 6 máis co uso de dispositivos audiovisuais doutro tipo

Unha persoa ao volante co teléfono móbil na man
Unha persoa ao volante co teléfono móbil na man / PontevedraViva

O Subsector de Tráfico da Garda Civil da provincia de Pontevedra denunciou, tan só no primeiro semestre deste ano 2024, a un total de 1.787 condutores por facer uso indebido do teléfono móbil.

Ademais, outras 144 denuncias tiveron que ver co manexo de auriculares e 6 máis co uso de dispositivos audiovisuais doutro tipo.

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, ofreceu estes datos este xoves no marco da presentación da campaña especial que a Dirección General de Tráfico (DGT) está desenvolvendo contra as distraccións ao volante en toda España, entre o día 7 e o 13 deste mes.

Losada visitou na estrada nacional N-640, ao seu paso por Vilagarcía, un control conxunto da Garda Civil e da Policía Local, onde advertiu que "cando se conduce, a atención debe estar na estrada e non no teléfono móbil, nin ningún outro dispositivo ou obxecto".

A campaña céntrase nos tramos máis perigosos e, por este motivo, o control tivo lugar nunha travesía. Neste espazo, ademais, conflúe a actuación da Garda Civil de Tráfico e das policías locais.

As distraccións están detrás do 31% dos accidentes con vítimas mortais. O 76% dos condutores recoñecen conducir mentres se distraen con dispositivos, comida, bebida ou tabaco. Así mesmo, segundo os datos da DGT, o 23% recoñece ler mensaxes de WhatsApp directamente do móbil mentres está ao volante.

Tamén participaron na presentación desta campaña o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela; a concelleira responsable de Tráfico e Mobilidade, Tania García; a xefa provincial da DGT, Paula Yubero; o tenente coronel da Garda Civil de Tráfico, Fernando Tato; e o xefe da Policía Local de Vilagarcía, José Prego.