Tráfico pretende rebaixar á metade o número de vítimas mortais nas estradas provinciais, que en 2019 xa ascende a 22

Pontevedra
18 de novembro 2019

Con motivo do Día Mundial das Vítimas de Tráfico e dos seus familiares gardouse un minuto de silencio na subdelegación do Goberno coa presenza da subdelegada Maica Larriba, acompañada pola directora provincial da DGT Paula Yubero e por Leovigildo Villar, comandante do subsector de Tráfico da Garda Civil

Minuto de silencio polas vítimas de accidentes de tráfico na Subdelegación do Goberno
Minuto de silencio polas vítimas de accidentes de tráfico na Subdelegación do Goberno / Cristina Saiz

Nacións Unidas aprobaba en 2005 a celebración do Día mundial de recordo ás vítimas de accidentes de tráfico e aos seus familiares. Por este motivo, este luns concentrábanse ante o edificio da subdelegación do Goberno de Pontevedra representantes da Garda Civil, da Policía Nacional e da Policía Local encabezados por Maica Larriba, subdelegada do Goberno; pola directora provincial da DXT Paula Yubero e polo comandante do subsector de Tráfico da Garda Civil, Leovigildo Villar, entre outras autoridades. Cunha pancarta de recordo ás vítimas, gardábase un minuto de silencio.

En Galicia reducíase o número dos accidentes mortais durante este 2019 pasando de 90 en 2018 a 74 no que leva de ano. O número de falecidos é de 13  vícitmas menos. Con todo, na provincia rexistráronse 22 vítimas mortais este ano, cando en 2019 por estas datas a cifra situábase en 19. Si baixaron o número de accidentes con vítimas pero rexistráronse casos como o de de a AP-9 despois do verán no que falecían catro novos de Redondela, que provocan este ascenso de falecidos, segundo explicaba a subdelegada Maica Larriba.

Os accidentes con vítimas na provincia foron 966, con 22 falecidos, 113 feridos hospitalizados e 1.414 feridos leves que non requiriron hospitalización. No mesmo período en 2018, sumáronse 1.126 accidentes con vítimas, 19 falecidos, 106 feridos hospitalizados e 1.650 feridos leves sen hospitalización. 

"Muchos de los accidentes pudieron y debieron evitarse" afirmaba Larriba durante o acto, que indicou que a Axenda 2030 para o desenvolvemento sustentable marca a ambiciosa meta para a seguridade viaria de reducir á metade, nun prazo de 11 anos, o número de defuncións e de lesións por accidente de tráfico viario en todo o mundo.

Paula Yubero, directora provincial da DXT sinalaba que se está rebaixando o número de accidentes pero "non podemos estar contentos". Trátase de cifras "inadmisibles para calquera país e para calquera provincia", indicaba Yubero. Realizaba, neste sentido, un chamamento á colaboración cidadá lembrando que as causas dos accidentes seguen centrándose na condución baixo o consumo de alcol e de drogas; o exceso de velocidade e as distraccións ao volante.

"Ningunha mensaxe merece o risco de perder unha vida", lembrou  Maica  Larriba alertando de que o uso do móbil segue sendo un dos factores de distracción máis importantes. "É moi dolorosa a perda dunha vida pero é moi triste pensar que era perfectamente evitable e que se podía evitar cun pouco de atención e de respecto ás normas", lamentou.

Pola súa banda, o comandante do subsector de Tráfico da Garda Civil, Leovigildo Villar, apuntou que hoxe en día, as distraccións como o móbil, o whatsapp convertéronse en sistemas de comunicación universais pero é necesario "facer un alto e poñelo nun modo en que non moleste á condución e esquecerse del durante o traxecto". 

Villar afirmou que naquelas zonas nas que se establecen controis detéctanse reducións no número de accidentes. É o caso dos grandes eventos ou das festas do Nadal en que seguirán insistindo en control de alcol e drogas. Pero son moitos os sitios onde intervir, sinalaba, e os datos non son todo o bos que desexan e por este motivo seguirán insistindo en manter campañas na estrada, que axuden a reducir a sinistralidade.