Tráfico localiza o condutor que atropelou un ciclista en Salcedo e fuxiu

Pontevedra
03 de xaneiro 2018
Actualizado: 17:42

A Garda Civil localizou este mércores o condutor do vehículo que o martes pola noite fuxiu despois de atropelar a un ciclista en Salcedo. Investígaselle por senllos delitos de lesións e omisión do deber de socorro

Estado no que quedou a bicicleta despois do atropelo
Estado no que quedou a bicicleta despois do atropelo / Abel Farto

A Garda Civil localizou este mércores o condutor do vehículo que o martes pola noite fuxiu despois de atropelar a un ciclista en Salcedo

Os feitos ocorreron na estrada N-550, sobre as 21:30 horas, á altura da gasolineira de Salcedo. O ciclista, foi arroiado por un turismo que circulaba pola estrada de Vigo no mesmo sentido e que despois do accidente deuse á fuga.

Por mor das investigacións realizadas polo Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra, e en base á información achegada por un usuario, durante a mañá deste mércores, atoparon o turismo en cuestión estacionado nunha céntrica rúa da localidade de Marín, con golpes e abolladuras na chapa.

A inspección ocular do vehículo realizada polo GIAT (Grupo de Investigación e Apoio a Tráfico) do Subsector de tráfico de Pontevedra concluíu que, supostamente, tratábase do mesmo vehículo que causara o accidente.

Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, pouco despois foi localizada a persoa que o conducía, que se trata do seu propietario F.P.S, de 50 anos e veciño do municipio de Moaña, ao que se lle investiga penalmente por un delito de lesións e outro de omisión do deber de socorro.

As dilixencias instruídas serán entregadas no xulgado de instrución de garda de Pontevedra, onde deberá comparecer o condutor do vehículo cando sexa requirido.

A VITIMA É UN BOMBEIRO DE PONTEVEDRA

A vítima é A.C.P., un home de 40 anos que traballa como bombeiro no parque de Pontevedra.

Segundo informou o colectivo ciclista Pedaladas, o ferido atópase "grave pero estable con 10 costelas e escápula rotas". Permanece na UCI do Hospital Montecelo pendente de evolución.

Por mor deste suceso, Pedaladas convocou unha concentración que terá lugar este xoves ás 20 horas ante a Subdelegación do Goberno baixo o lema "Contra a violencia viaria e por unha lei xusta".

Este colectivo reclama unha modificación legal que palíe a falta de sanción ou de pena para a omisión do deber de auxilio. A actual lexislación estima que se alguén pode socorrer ao accidentado non existe omisión do deber de socorro, "polo que algúns condutores danse á fuxida para esconder os seus datos, ou consumo de alcol e drogas e outras circunstancias".