Tráfico intensifica os controis de alcohol e drogas en zonas de ocio nocturno e festas populares

Pontevedra
13 de xullo 2014

Entre este luns 14 de xullo e o próximo domingo día 20, axentes da Garda Civil de Tráfico, en colaboración cos concellos, desenvolverán unha campaña especial de control da taxa de alcoholemia e de consumo de drogas entre os condutores das vías pontevedresas  

Control de alcoholemia da Garda Civil de Tráfico
Control de alcoholemia da Garda Civil de Tráfico / DGT

Entre este luns 14 de xullo e o próximo domingo día 20, axentes da Garda Civil de Tráfico intensificarán os controis de alcohol e drogas a condutores nas estradas pontevedresas. A Dirección Xeral de Tráfico (DGT) desenvolverá unha campaña especial de control da taxa de alcoholemia e de consumo de drogas entre os condutores das vías galegas.

Na campaña tamén se potenciará a colaboración cos concellos para efectuar controis en zonas urbanas, con especial incidencia nas zonas de lecer nocturno e espazos onde se sitúen as festas populares, segundo informou a Delegación do Goberno nun comunicado. Na campaña desenvolvida entre o día 2 e o 8 de xuño rexistráronse 229 positivos.

A DGT recorda que o alcohol é un factor concorrente ou determinante nun terzo dos accidentes mortais de circulación. A súa presenza na condución multiplica entre dous e 15 veces os riscos de sufrir un accidente de circulación ademais de ser un factor agravante das súas consecuencias.

No ano 2013, as análises toxicolóxicas realizadas a condutores falecidos en accidentes de tráfico revelaron que un 43,09% deles presentaban unha taxa de alcohol etílico en sangue superior a 0,3 gr/l, unha porcentaxe que crecía ata o 44,10% no caso de peóns falecidos pola mesma causa.