Tráfico incorpora en Pontevedra un equipo pioneiro para a reconstrución de accidentes que evitará demoras nas investigacións

Pontevedra
06 de febreiro 2024

Ata o de agora, estes medios especializados só estaban en Madrid e Mérida, pero están a implantarse noutras comunidades a través dos bautizados como ETRATs e, despois de Andalucía, agora, dous deles chegaron a Galicia. Desde o pasado mes de outubro, un opera na Coruña e outro en Pontevedra

Presentación do equipo de reconstrución de accidentes de tráfico da Garda Civil de Pontevedra
Presentación do equipo de reconstrución de accidentes de tráfico da Garda Civil de Pontevedra / Mónica Patxot

A agrupación de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra conta oficialmente cun dos cinco novos equipos de reconstrución de accidentes de tráfico que existe en España. Ata o de agora, estes medios especializados só estaban en Madrid e Mérida, pero están a implantarse tamén noutras comunidades a través dos bautizados como ETRATs e, despois de Andalucía, agora, dous deles chegaron a Galicia. Desde o pasado mes de outubro, un opera na Coruña e outro en Pontevedra, pero con ámbito de actuación en toda a comunidade. 

Trátase de equipos formados por tres persoas, un oficial e dous axentes, que recibiron formación especializada nun máster de reconstrución de accidentes na Universidade Carlos III, asociada coa Academia da Garda Civil de Aranjuez, e que están equipados con ferramentas punteiras, ao mesmo nivel que os que xa existían en Mérida ou Madrid e que, ata agora, se desprazaban a Galicia cada vez que se producía un sinistro complexo. 

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, desprazouse este martes ata a Comandancia de Pontevedra para coñecer estes EPRATs (Equipos Periféricos de Reconstrución de Accidentes de Tráfico) e destacou que se trata de "instrumentos fundamentais" para a investigación dos sinistros viais e que resulta un "luxo" ser das primeiras comunidades autónomas que contan con este tipo de mecanismos.

O tenente coronel Antonio Hidalgo, xefe do sector de Tráfico de Galicia, afondou en que os galegos poden sentirse "privilexiados", pois ata agora hai  "moi poucos" equipos en toda España e a partir de agora non vai ser necesario "agardar tanto" para que estes equipos se despracen desde outros puntos de España ata a comunidade.

Así, puxo de exemplo a investigación do accidente do autobús de Pedre, en Cerdedo-Cotobade, no que na Noiteboa de 2022 faleceron sete persoas, na que foi necesario agardar semanas para que un equipo se desprazase a investigar as causas. "Só había antes dous equipos para toda España e con moitas peticións e había que esperar", pero a partir de agora os accidentes vanse poder investigar de xeito máis inmediato.

O equipo de Pontevedra xa participou na reconstrución dalgún accidente e nalgún cálculo de velocidade e agora mesmo están "en proceso dun caso real doutra reconstrución dun accidente". Desta maneira, con este equipo, segundo o tenente coronel Hidalgo, van poder "complementar os informes que faciamos antes".

Pedro Blanco explicou que estes equipos traballan ben a petición das agrupacións de Tráfico ou dos órganos xudicias. Traballarán, sobre todo, ante accidentes nos que a velocidade é clave, en atropelos de persoas ou en accidentes graves con datos escasos sobre o sucedido. Farán "traballo de campo e de oficina" con programas informáticos, un traballo secuencial para definir como sucedeu un accidente.

Como resultado, elaborarán informes que serán tidos en conta en procesos xudiciais, que "por suposto" resultarán claves ante a xustiza porque se basean e "temas científicos puros e duros", segundo a información facilitada polo tenente coronel Hidalgo.

Nesta liña, Pedro Blanco indicou que estes equipos van poder "determinar en moitos casos as causas inmediatas dos accidentes de tráfico, determinar as posibles responsabilidades" e, ademais, van poder facelo "acurtando tempos" tanto para as vítimas como para o propio coñecemento de como ocorre un accidente. Evitará que as investigacións xudiciais "se eternicen". 

A presentación na Comandancia contou coa presenza do subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada; o xeneral xefe da 15 Zona da Garda Civil, Miguel Ángel González Arias, e o coronel xefe da Comandancia de Pontevedra, Simón Venzal. Todos puideron ver de primeira man unha simulación de como traballan estes equipos.

Estes equipos xa levan tempo en funcionamento e presentáronse este martes en plena campaña electoral para as eleccións autonómicas do 18 de febreiro. A preguntas dos medios de comunicación, o delegado do Goberno asegurou que "en absoluto" se demorou esta presentación para facela coincidir con fins electorais, senón que agardaron a que os equipos estiveran "plenamente operativos cos equipos formados", pois "o feito de ter o programa informático non é suficiente, desde logo, non vale para nada".