Tráfico despregará un helicóptero e 40 patrullas diarias en estradas secundarias na provincia

Pontevedra
18 de decembro 2014

O novo plan considera a realización de controis de velocidade con radares móbiles que percorrerán, de forma intensiva, este tipo de vías nas que se producen o 80% dos accidentes mortais

Leovigildo Villares, María Isabel Alonso de Linaje e Antonio Coello
Leovigildo Villares, María Isabel Alonso de Linaje e Antonio Coello / Subdelegación del Gobierno

Na provincia de Pontevedra participarán 40 patrullas diarias e un helicóptero, en misións de vixilancia e denuncia dos máis frecuentes factores de risco en estradas secundarias: adiantamentos antirregulamentarios, condutas temerarias, distraccións e excesos de velocidade.

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello Bufill, acompañado polo capitán do subsector de Tráfico da provincia, Leovigildo Villares Yáñez, e o xefe provincial de Tráfico, María Isabel Alonso de Linaje Calzada, presentaron este xoves o Plan Integral de Vixilancia en estradas secundarias da provincia.

O novo plan considera a realización de controis de velocidade con radares móbiles que percorrerán, de forma intensiva, este tipo de vías nas que se producen o 80% dos accidentes mortais.

Dada a antigüidade do parque circulante e as condicións climatolóxicas adversas desta época do ano, a DGT iniciou unha intensificación da vixilancia para reducir o risco de estar involucrado nun accidente.

Esta vixilancia especialmente intensa concentrarase nas estradas secundarias, onde durante todo este ano se seguiron producindo a maioría dos accidentes mortais e en torno aos tres comportamentos de maior risco, tanto por separado como combinados: velocidade, alcohol e drogas.