Tradición e solidariedade coas vítimas da dana en Valencia únense no magosto de Cuntis

Umia
06 de novembro 2024
Actualizado: 16:41

A celebración está prevista para este sábado 9 de novembro na Praza da Constitución onde se habilitará un espazo de recollida de produtos de primeira necesidade para as persoas afectadas pola dana

Magosto en Cuntis
Magosto en Cuntis / Concello de Cuntis

O vindeiro sábado, 9 de novembro, a vila termal de Cuntis transformará a súa tradicional celebración do magosto nun evento que combina a festa popular coa solidariedade.

A Praza da Constitución acollerá unha xornada festiva na que se habilitará un punto de recollida de produtos de primeira necesidade destinados ás persoas afectadas pola DANA en Valencia.

Esta iniciativa solidaria súmase ao punto de recollida xa existente no Pavillón Municipal, que está a rexistrar unha notable resposta por parte da veciñanza.

O rexedor local, Manuel Campos, destacou "a implicación, o compromiso e o carácter solidario" da poboación cuntiense ante esta causa.

A programación do evento arrancará ás 12:30 horas co espectáculo infantil de Rudi Dudi, unha proposta pensada para o desfrute dos máis pequenos da casa.

Media hora despois, a partir das 13:00 horas, a gastronomía tomará o protagonismo coa oferta de tapas variadas, callos e castañas elaboradas, que poderán consumirse no recinto ou levarse para casa previa reserva no teléfono 699.901.141.

A tarde encherase de actividade coa organización de diversos obradoiros infantís a partir das 17:00 horas, complementados cunha chocolatada que fará as delicias dos asistentes.

Durante toda a xornada, a praza contará con postos dedicados á venda de filloas, doces tradicionais e castañas.

A partir das 19:00 horas, os asistentes poderán gozar dunha degustación gratuíta de castañas asadas, mentres agarden pola actuación conxunta da Banda de Acordeóns de Cuntis e das Cantareiras Bulideiras de Fontecarmoa, procedentes de Vilagarcía de Arousa.

Os veciños e visitantes que desexen colaborar coa causa solidaria poderán achegar produtos de primeira necesidade como artigos de limpeza, produtos de hixiene, auga ou alimentos non perecedoiros.

Estas doazóns canalizaranse cara ás zonas máis afectadas pola dana na Comunidade Valenciana.

A organización agarda unha importante afluencia de público, atraído tanto polo programa festivo como pola posibilidade de contribuír a unha causa solidaria.