Traca final nos xuízos por sancións contra os preferentistas

Pontevedra
28 de outubro 2015

O acusado era o portavoz deste colectivo, Xulio Vicente, que recorreu unha sanción de 500 euros imposta pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra, por participar nunha mobilización en Baiona o 29 de abril de 2014. Foi denunciado por, presuntamente, ser "organizador, promotor, dunha manifestación non autorizada convocada por diversas plataformas dous afectados por preferentes e subordinadas"

Xavier Vence e Xulio Vicente
Xavier Vence e Xulio Vicente

O xulgado Contencioso Administrativo de Pontevedra acolleu este mércores o último dos xuízos previstos por sancións contra os membros da Plataforma de Afectados por Preferentes do Baixo Miño.

O acusado era o portavoz deste colectivo, Xulio Vicente, que recorreu unha sanción de 500 euros imposta pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra, por participar nunha mobilización en Baiona o 29 de abril de 2014. Foi denunciado por, presuntamente, ser "organizador, promotor, dunha manifestación non autorizada convocada por diversas plataformas dous afectados por preferentes e subordinadas".

Como testemuñas neste xuízo foron citados o portavoz do BNG, Xavier Vence e o exdeputado e secretario de Organización do BNG, Bieito Lobeira. Segundo explicou Xulio Vicente ambos os políticos acudiran a Baiona en apoio aos preferentistas.

Xulio Vicente sinalou que o seu é o último dos cincuenta xuízos que se celebraron nos últimos meses polos recursos presentados por decenas de membros das plataformas de afectados que "foron represaliados polas distintas administracións públicas gobernadas polo PP, mediante numerosísimas multas e sancións administrativas", indicou.

Todos eles por "multas impostas inxustamente por participar en actos pacíficos de protesta, como así o demostran as 49 sentenzas favorables aos recorrentes", que anularon as sancións impostas e obrigaron á administración para devolver a práctica totalidade dun importe total de 20.000 euros.

Vence declarou á porta dos xulgados de Pontevedra que "está claro que houbo unha estratexia do Goberno de criminalizar as protestas dos estafados polas preferentes e subordinadas". Para o portavoz nacional do Bloque estas mobilizacións "foron sempre cívicas" e destacou a "valentía" de todos estes afectados "fronte a un roubo perpetrado polos bancos e polo Goberno".