Os representantes do comité de empresa de Moldes seguen "preocupados" pola situación laboral do equipo tras a adquisición por parte do Grupo Froiz e, ademais, móstranse "bastante enfadados coa actitude" da empresa con sede en Lourido en tanto que aseguran que está "vulnerando dereitos básicos dos traballadores".
A representación de Comisións Obreiras no comité formulará denuncia ante a Inspección de Traballo para sacar á luz algunhas das situacións e lanza un aviso á empresa para facerlle saber que "imos seguir loitando polos dereitos dos traballadores". "Queremos dicir a Froiz que o que se vendeu foi Moldes, nós non nos vendemos", sinalou un dos representantes de CO.OO., Marcos Cerviño.
CC.OO. denuncia que están a traballar máis de 40 horas semanais e non se lle pagan horas extra
Cerviño e Lara Gestido denuncian o que consideran unha "actitude mafiosa" por parte do Grupo Froiz e atribúen aos responsables da empresa que esixan ao persoal que traballen horas extra sen remuneración ou que xa lles comentasen que terán que entrar a traballar media hora antes para poder realizar algunhas tarefas de limpeza.
Ademais, denuncian que trasladaron a algúns traballadores de centro avisándoos o día anterior e enviándoos a supermercados situados a máis de 50 quilómetros de distancia, pois se incumpre o contido do convenio colectivo e "dereitos que nos custou moito gañar". Pasou, por exemplo, con empregados de Ponte Caldelas enviados a Pontecesures ou de Pontecesures que foron trasladados ao barrio pontevedrés de Monte Porreiro.
Lara Gestido asegura que, ademais, que se lles deben horas extra dos días en que se fixeron o inventario xeral das tendas e algunhas persoas traballaron 14 horas seguidas e que, por sistema, xa están a traballar máis de 40 horas semanais. De feito, indica que xa se están a comunicar novos horarios de traballo nos que se recolle unha media de tres horas de traballo máis á semana sen que leven aparellada retribución. A xornada laboral de 40 horas foi unha "batalla que lle gañamos a Moldes" e reprochan que agora Froiz "pretende volver ao pasado".
"A empresa é deles, pero como traballadores temos uns dereitos"
"A empresa é deles, pero como traballadores temos uns dereitos", sinala Marcos Cerviño, que indica que traballadores que están de baixa están a recibir presións e "estanme chamando chorando" e que hai traballadores de Moldes "totalmente discriminados" en centros de Froiz. Ao respecto, indica que a algúns se lles obrigou a traballar en supermercados Froiz sen darlles roupa de traballo específica, co que levan roupa de Moldes diferente ao resto de compañeiros. Ademais, repróchanlles que teñen intención de eliminar os puntos de auga que tiñan para beber durante a súa xornada laboral e van ter que pagala.
O secretario comarcal de CC.OO, José Luis García Pedrosa, sinala que detectaron "incumprimentos reiterados e manifestos" de dereitos recollidos no Estatuto dos Traballadores e o convenio colectivo da empresa e anuncia que xa presentaron dúas denuncias ante a Inspección de Traballo pola falta de información ao comité en relación coa operación de compra de Moldes e están a preparar unha terceira pola ampliación do horario laboral de forma irregular.