Un grupo dunha decena de traballadores de Ence conseguían entrar e pecharse no edificio da rúa Michelena do Concello pasadas as 11.00 horas deste xoves 11 de marzo. Inicialmente, estes traballadores concentrábanse ante a Subdelegación do Goberno pero posteriormente, ante a presenza de axentes tanto da Policía Nacional como da Policía Local trasladábanse ata o edificio onde se atopan as oficinas centrais do Concello.
Estes traballadores da empresa estarán pechados de maneira indefinida no vestíbulo da terceira planta do edificio, onde se atopan os despachos dos integrantes do goberno municipal. Reclaman unha solución á situación da empresa pasteira coa modificación do actual artigo 18 da Lei para o cambio climático e a transición ecolóxica ao entender que impide a continuidade da fábrica na súa actual localización en Lourizán.
José Luis García Pedrosa, secretario de organización de Comisións Obreiras, afirmaba que estarán indefinidamente encerrados e en loita en defensa dos seus postos de traballo. O representantes sindical afirma que a ministra Teresa Ribera, responsable de Transición Ecolóxica, está "a perseguir e dando caza" ao persoal de Ence e "se pensan que lles vai a saír gratis están tremendamente equivocados".
García Pedrosa alerta de que intensificarán as protestas en defensa dos empregos e este venres desenvolverán unha manifestación en Madrid ante o Ministerio de Transición Ecolóxica. "Isto é unha reconversión do sector industrial e forestal co obxectivo de que Ence peche" e acusa o BNG e o PSOE de non buscar alternativas para resolver a situación da factoría.
"Só nos deixan como camiño a loita combativa", apunta o representante de CC.OO. Na mesma liña tamén se pronuncia Ana Cedeira, presidenta do comité de empresa das Oficinas centrais de Ence, que reclama unha entrevista directa coa ministra Teresa Rivero e rexeita a Hugo Morán, secretario de Estado de Medio Ambiente, como interlocutor. Malia todo, segundo diversas fontes, este xoves o sindicato Comisións Obreiras estivo representado na xuntanza que o comité de empresa da fábrica mantivo con Hugo Morán.
Ence Pontevedra anunciaba este xoves que iniciará o vindeiro luns a súa parada técnica anual, como é habitual no mes de marzo-abril. Segundo a empresa, esta parada técnica anual suporá un investimento aproximado de 2 millóns de euros, na mesma liña que o investimento que Ence fixo na súa fábrica de Navia. Esta cifra destínase a mantemento das intalacións e á mellora e sustentabilidade.
Segundo a compañía, 700 persoas traballarán durante estes días nestes labores, a maiores do seu plantel directo.
SAÍDA DO ALCALDE
Minutos antes das 15.00 horas o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado polo tenente de alcaldía Tino Fernández e doutros concelleiros do goberno local, abandonaba o seu despacho e o edificio do Concello, escoltado pola policía local, mentres os traballadores da empresa berrábanlle insultos e mesmo houbo tentativas de agresión.
Os manifestantes tamén abandonaron o encerro no Concello e seguiron ao rexedor ata a entrada do aparcadoiro da praza de España. Cando o alcalde saía co vehículo, algún dos manifestantes golpeaba o automóbil en medio das protestas e tentaban impedir a saída do aparcadoiro dos vehículos dos membros do goberno local, sempre ante a presencia dos axentes policiais.
Alí, José Luis García Pedrosa, en declaracións aos medios, volvía a insistir en que se agarda un conflito de moita envergadura e anunciou que non van deixar de mobilizarse na defensa dos postos de traballo.
Desde este sindicato afirman que o Ministerio aínda está a tempo de modificar o artigo 18 da Lei de Transición Ecolóxica. Recoñecen que xa non cren os responsables do PSOE e do BNG porque entenden que quedou claro cal é a postura do goberno central cando a Avogacía do Estado decidiu non intervir na causa que está aberta sobre a prórroga de Ence na Audiencia Nacional.
Ante o compromiso de Hugo Morán de crear unha mesa de negociación entre o Goberno Central, a Xunta, empresa e representantes sindicais para buscar unha solución ao futuro da fábrica, García Pedrosa afirmou que CC.OO. non vai participar en "manobras de distracción". Deste xeito asegurou que non intervirán "nin nas dos partidos políticos nin nas dos amigos e colaboradores dos partidos políticos que queren destruir emprego".
Nesta mesma liña rexeitou o comunicado da Comisión de Comités intercentros do Grupo Ence onde reclamaban unidade sindical, o secretario de organización de CC.OO. apuntou que "a unidade está na rúa, que é o único sitio onde pode haber unidade" alertando de que intensificarán as protestas nas vindeiras datas.