Traballadores de Ence iniciaron este venres unha serie de mobilizacións que teñen como obxectivo frear a tramitación da Lei do Cambio Climático que se está fraguando no Congreso porque, no seu artigo 18, recolle unha limitación da duración máxima das concesións no dominio marítimo terrestre que supoñería o fin da pasteira en Lourizán no 2033.
"Unha vez máis nos queren atacar e quérennos pechar, imos a batallar. É o comezo dunhas mobilizacións durante xaneiro febreiro e marzo cun único obxectivo, que os nosos postos de traballo continúen", declarou Ana Cedeira, presidenta do comité de empresa das oficinas de Ence, antes do inicio da marcha que partiu desde a fábrica ata a sede da Subdelegación do Goberno en Lourizán.
Traballadores da planta, das oficinas, de empresas auxiliares e de entidades forestais participaron nesta manifestación promovida pola sección sindical de Comisións Obreiras.
A marcha partiu ao redor das 13 horas desde a entrada principal á fábrica de Ence e, durante preto dunha hora, camiñaron pola estrada vella que unen Pontevedra e Marín ata chegar á Subdelegación do Goberno. Alí, máis de 150 traballadores concentráronse con bombos e bucinas para reclamar que "Ence non se pecha" e que "co pan dos nosos fillos, non se xoga", como recollían algunhas das pancartas que portaban os empregados.
"O Goberno do PSOE, pola porta de atrás, pretende meter o seu artigo 18.4 na Lei do Cambio Climático, a nosa morte como sector, como empresa e como medio económico. Pero non o imos a permitir", exclamou Cedeira durante a lectura do manifesto na Praza de España de Pontevedra.
O calendario de manifestacións comezou este venres e inclúe, dentro dunha semana, unha concentración diante da sede da Deputación Provincial en Pontevedra. O 29 de xaneiro teñen prevista unha caravana de vehículos lixeiros á que están chamados todos os sectores que dependen da fábrica, mentres que o 5 de febreiro manifestaranse diante da sede local dos socialistas de Pontevedra.
"A intensidade podería ir aumentando en función do que nos digan nas reunións cos representantes políticos que temos previstas", avisan desde o sindicato coa mente posta nunha marcha a pé cara a Santiago ou unha caravana de camións.