Traballadores de Ence irrompen na recta final da campaña cunha cadea humana

Pontevedra
24 de maio 2019

O percorrido levounos por diante das sedes da Subdelegación do Goberno, a Deputación e o Concello e, ao pasar pola praza de Ourense, atopáronse cunha mesa da candidatura do PSOE. Alí, a inmensa maioría dos traballadores gardaron silencio, pero un pequeno grupo encarouse cos socialistas 

Cadea humana dos traballadores de Ence
Cadea humana dos traballadores de Ence / Mónica Patxot

Os traballadores de Ence irromperon este venres, de novo, na recta final dunha campaña electoral. Do mesmo xeito que fixeron durante a campaña para as eleccións xerais do 28 de abril, este venres saíron á rúa no último día en que se pode pedir o voto para as municipais do domingo 26 de maio. Nesta ocasión, varios centenares de traballadores realizaron unha cadea humana pola contorna da Alameda e o centro histórico. 

O percorrido levouns por diante das sedes da Subdelegación do Goberno, a Deputación Provincial e o Concello de Pontevedra e, cando xa encaraban ao recta final da protesta e pasaron pola praza de Ourense, atopáronse cunha mesa da candidatura do PSOE. Alí, a inmensa maioría dos traballadores gardaron silencio ou seguiron cos seus consignas, pero un pequeno grupo encarouse cos socialistas

"Payasos", "parias", "delincuentes" ou "sinvergüenzas" foron algúns dos insultos que eses poucos traballadores dirixiron á candidatura socialista. Existen varios vídeos gravados sobre eses momentos e había presentes varios axentes da Policía Nacional. En base a esas circunstancias, o PSOE estuda presentar unha denuncia por insultos e ameazas.

Por outra banda, fontes oficiais da Subdelegación do Goberno confirmaron que os traballadores comunicaron que ían realizar esa protesta, pero que a comunicación oficial presentouse fóra de prazo, de modo que non tiña o visto e prace para facerse. En todo caso, puideron realizala igualmente. Varias dotacións da Policía Nacional acompañáronos durante o percorrido para garantir a seguridade. 

Os traballadores, que recibiron o respaldo do alcaldable do PP, Rafa Domínguez, e varios membros da súa candidatura, concentráronse na Alameda, ao pé da estatua dos Héroes de Ponte Sampaio. 

Alí leron un manifesto no que lembraron que hai 400 persoas que se empregan de forma fixa nas instalacións de Lourizán, de modo que son "400 familias con fillos, con persoas a cargo, que desde o momento en que se coñeceu a decisión vemos perigar o noso sustento, o noso futuro".

Esa decisión á que se refiren é a adoptada polo Goberno central ao optar por que a Avogacía do Estado desistise de seguir adiante co recurso xudicial presentado contra a prórroga que en 2016 se concedeu para a permanencia de Ence en Lourizán.

"No peor escenario posible, estamos a falar dunha traxedia para traballadores e para as súas familias, pero tamén para a cidade de Pontevedra e toda a súa comarca", lembraron os traballadores, que engadiron que tamén se perderían miles de postos de traballo de contratistas da área industrial, de loxística e do transporte e miles de empregos no sector forestal de Galicia que dependen directamente da actividade de Ence en Pontevedra. 

Coa cadea humana organizada este venres quixeron "visibilizar que non só somos un número, que somos persoas, somos traballadores, que temos familia, fillos que darlles un futuro" e ademais deixar claro que "non imos consentir xa máis a ningún político que xogue cos nosos postos de traballo". Así llo comunicaron tamén o mércores á ministra de Traballo, Magdalena Valerio, nunha pequena reunión en Pontevedra.

O manifesto dos traballadores insistiu en que "non nos van a calar nin Lores nin Tino Fernández nin APDR" e cargou contra os representantes políticos "irresponsables". Insistiron en que os traballadores "xeramos a riqueza" mentres que eles "son garrapatas, ou termo galego e no monte para que o saiban, carrachos".