O de Pontevedra non foi un mitin tranquilo para o BNG. Polo menos, no seu principio. Unha trintena de traballadores de Elnosa e do parque de maquinaria da Deputación de Pontevedra irromperon coas súas protestas en metade da praza do Teucro, minutos antes de que se iniciase o acto de campaña dos nacionalistas.
"Elnosa non se pecha" e "Non á privatización" foron os berros de guerra dos manifestantes que, con chifres e outros elementos sonoros, fixéronse notar na céntrica praza do centro histórico para facer visibles as súas respectivas reivindicacións.
Tras quedar nun lateral da praza durante unha media hora, as persoas que protestaban foron desaloxadas por axentes da Policía Local e da Policía Nacional, ao non solicitar permiso para poder desenvolver esta concentración.
Os simpatizantes que enchían a praza do Teucro para asistir ao mitin despediron aos manifestantes con aclamacións ao BNG e con aplausos cara á actuación policial.
Unha vez iniciado o mitin foron varias as referencias ao sucedido.
"Non nos calarán nunca. Non nos van vencer", sinalou a concelleira do BNG en Pontevedra, Carme da Silva, membro da executiva nacional do partido, que foi a encargada de iniciar o acto coa súa intervención.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, engadiu que o BNG "non vai a renunciar a sanear a ría" e que os opositores a Ence e Elnosa "conseguiremos librar á ría delas".
Bará agradeceu a "lección de dignidade e democracia" dos nacionalistas ao non enfrontarse aos manifestantes; mentres que Ana Pontón destacou que no PP "nos teñen medo" e por iso mandan aos seus "lacaios" a tentar boicotear o seu acto electoral.