Traballadores de Correos protestan pola non cobertura das vacacións

Pontevedra
16 de agosto 2024

Irene Ramonet, a delegada de CGT-Correos Pontevedra, o sindicato convocante, manifestaba que "estamos sufrindo unha precarización nos nosos postos de traballo"

Protesta de traballadores de Correos pola non cobertura de persoal en vacacións
Protesta de traballadores de Correos pola non cobertura de persoal en vacacións / PontevedraViva

Este venres 16 de agosto, contra as 13:00 horas, un grupo de traballadores de Correos e representantes do sindicato CGT concentrábanse diante da oficina central en Pontevedra, situada na rúa Oliva, esquina García Camba.

Irene Ramonet, a delegada de CGT-Correos Pontevedra manifestaba que "estamos sufrindo unha precarización nos nosos postos de traballo". En concreto, referíase á non cobertura das vacantes durante as súas vacacións.

Este feito provoca non só que que unha persoa teña que asumir o traballo dun ou varios compañeiros, senón que en moitos casos, cando o traballador se reincorpora do seu descanso, atópase cunha carga de traballo acumulado inxente porque non lle puxeron un substituto.

Ramonet indica que Correos "dende unha temporada bastante longa, non están contratando cando hai ausencias por baixas ou por permisos". Un problema que se intensifca na tempada vacacional.

Como exemplo, a delegada de CGT-Correos Pontevedra nomea a oficina de Lalín, con repartición en amplas zonas do rural e que os recortes levaron a que "hai xente que ten un posto de traballo con 170 km para repartir a diario e é imposible de facer".

Outro caso que se repite en toda a provincia de Pontevedra é o da drástica redución de persoal, como constataron nunha pequena oficina do Baixo Miño na que pasaron de 13 traballadores a só 4.

Na oficina de Pontevedra, indican dende o sindicato que son habituais as extensas colas para recoller ou facer envíos e outras xestións.

Ademais, "podes ver aos compañeiros cando saen das oficinas que levan os carros sobrecargados de volume que non poden nin tirar por eles", matiza Ramonet.

A consecuencia é que a cotío as cartas chegan tarde aos fogares, polo que Correos, insiste, está a incumprir a lei do Servizo Postal Universal, "pola que recibe unha subvención anual por cumprir prazos".Cartas ordinarias e tamén notificacións, como poden ser multas de Tráfico, da Axencia Tributaria ou de procedementos médicos, entre outras.

A concentración deste venres encádrase nunha serie de protestas que se están a desenvolver en outros puntos da provincia. Se a empresa estatal non dá un paso para acabar coa precarización do seu persoal, dende CGT-Correos Pontevedra xa anuncian que continuarán manifestándose, sen descartar a convocatoria de paros.