Traballadoras de Alfageme reprochan á Xunta que beneficie a outras conserveiras

O Salnés
22 de novembro 2012

As traballadoras concentráronse ás portas da Xunta de Galicia e acusaron ao conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, de mentir sobre os motivos que o levaron a declarar deserto o concurso para adxudicar tanto as naves de Vilaxoán e Ribadumia coma a marca Miau, supostamente porque ningunha das ofertas cumprían os requisitos

As últimas noticias de que Alfageme sairá a poxa e de que o grupo El Consorcio non puxará volveron poñer de pé de guerra as traballadoras da conservera. Este xoves trasladaron de novo as súas protestas ata Santiago de Compostela cun reproche na boca: que a Xunta beneficia a outras empresas do sector.

As traballadoras concentráronse ás portas da Xunta de Galicia e acusaron ao conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, de mentir sobre os motivos que o levaron a declarar deserto o concurso para adxudicar tanto as naves de Vilaxoán e Ribadumia coma a marca Miau, supostamente porque ningunha das ofertas cumprían os requisitos.

En opinión das traballadoras, a forma de actuar do conselleiro podería mesmo ser constitutiva dun delito de prevaricación, de modo que presentarán unha querela xa adelantda polos sindicatos CIG e CGT. "Deixar deserto o concurso público que se inventou a Xunta pensamos que é unha prevaricación porque se cumpría perfectamente co publicado no DOG", opinan.

Ademais, repróchanlle que non respondese a unha carta que lle remitiron solicitando unha reunión e lle esixen que as reciba e que "recapacite", "reaccione" e non deixe que o proceso chegue a poxa e acaben perdéndose os 150 postos de traballo.

Arquivado en