Un grupo de traballadoras da residencia de maiores Domus Vi de Ribadumia concentrábase este martes ante as portas da delegación da Xunta de Galicia en Pontevedra, onde estaba previsto o acto de conciliación na oficina da Sección Provincial de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC) debido ao conflito laboral que se rexistra nos últimos meses no centro de atención a persoas maiores.
A empresa presentou á directora da residencia de Ribadumia pero sen estar acompañada por avogados, de maneira que non se alcanzou acordo entre as partes.
As traballadoras denuncian que a empresa impón horarios ao persoal sen negociar co comité de empresa, como figura no convenio colectivo. Iván Veiga, de CIG-Servizos de Pontevedra, manifestaba que os novos horarios establecidos pola empresa empeoran os anteriores ao non respectar o descanso semanal e superando o cómputo de xornada establecido no convenio.
Por este motivo, a CIG presentaba unha demanda no Xulgado do Social de Pontevedra. Alertan de que a empresa incumpre a obrigación de compensar as xornadas festivas con tempo para o persoal. Desta forma, as traballadoras afectadas deciden presentar reclamacións individuais e Domus Vi vese, por sentenza xudicial, obrigada a compensar economicamente ás demandantes.
Está previsto que nos próximos días se celebren asembleas no centro para estudar a convocatoria de folga. Ademais, o 6 de marzo está previsto o inicio da negociación dun novo convenio colectivo. Veiga lembra que as táboas salariais do persoal se atopan por baixo do salario mínimo interprofesional e tamén os dereitos permanecen por baixo das condicións que presenta o persoal que traballa en residencias públicas. "Chegan a cobrar catro mil euros máis que as da privada e a súa xornada é máis reducida", expón o representante sindical que sostén que este "modelo privatizador non beneficia socialmente".
Actualmente, na residencia Domus Vi de Ribadumia atópanse cubertas as 152 prazas de persoas usuarias, que son atendidas por ao redor de 70 traballadores, dos que uns 40 son xerocultores.
Debido ás duras condicións de traballo, agora mesmo hai un total de vinte persoas de baixa. Como consecuencia "están todos os días chamando a compañeiras para cubrir faltas e se non se colle o teléfono hai represalias. Roza o acoso", afirma unha traballadora da residencia, que advirte da falta de persoal para atender a todas as persoas no centro.
Sinalan que esta situación laboral termina afectando as condicións nas que son atendidas as persoas usuarias da residencia, malia o esforzo que realizan as traballadoras