Touradas fóra de Pontevedra pedirá aos candidatos a erradicación das corridas e a prohibición dos circos de animais

Pontevedra
23 de febreiro 2015

O colectivo iniciará unha serie de conversas cos distintos partidos que se presentan ás eleccións municipais para trasladar as súas demandas e reclamar que se remate co convenio entre o Concello e a Praza de Touros

Touradas fora de Pontevedra
Touradas fora de Pontevedra / PontevedraViva
Touradas fóra de Pontevedra cre que é incoherente que Miguel Filgueira sexa concelleiro de Sanidade Animal /

A Plataforma Touradas fóra de Pontevedra ten previsto reunirse con todos os candidatos que se presentan ás próximas eleccións municipais en Pontevedra. Así anunciárono os seus principais responsables durante a mañá deste luns 23 indicando que queren trasladar aos diferentes grupos políticos un manifesto no que solicitan a prohibición dos circos de animais, como xa se fixo en Concellos como Vigo, Poio, Cangas ou Moaña e a posta en marcha de políticas favorables para erradicar as corridas de touros en Pontevedra ao entender que se basean na tortura, a dor e o asañamento co touro.

O colectivo quere que se poña fin ao convenio que mantén o Concello de Pontevedra e a praza de Touros, a través do cal o empresario do recinto recibiu 663.708 euros dende o ano 2000 polo uso deste espazo. Reclaman o cesamento de zonas públicas da cidade para a promoción dos festexos taurinos e que se promova unha moción no pleno para declarar Pontevedra cidade antitouradas e amiga dos animais, tal e como vai suceder no Concello de Poio no pleno deste mes. E ademais, queren que se traballe na Deputación de Pontevedra para que deixe de ser "o principal activo económico do lobby taurino" a quen responsabiliza de que exista feira taurina en Pontevedra.

Sobre o caso do concelleiro de Sanidade Animal de Pontevedra, Miguel Filgueira, do BNG queé asistente habitual ás festas taurinas de Pontevedra, o voceiro do colectivo Borxa González indicou que "non é coherente ter unha persoa que defende as touradas. Nese sentido, sabendo que non vai participar nas primeiras posicións nas municipais cremos que iso responde a presión exercida polos colectivos antitouradas".