O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, atópase na localidade francesa de Toulouse participando no Forum Zéro Carbone, que se celebra no Salón dos Ilustres do Capitolio da capital occitana, e que leva por título temático ‘Une proximité heureuse’ (Unha proximidade feliz).
Trátase dunha cita de carácter internacional, promovida polo medio francés La Tribune, entre outras entidades. O evento ofrece exposicións e mesas redondas con reputados especialistas en urbanismo, mobilidade e arquitectura.
Fernández Lores, quen tamén é presidente das Cidades que Camiñan, puido expoñer e afondar no modelo urbano de Pontevedra e nos fitos acadados ao longo das últimas décadas na cidade. Segundo as súas palabras, os presentes amosaron un especial entusiasmo nas medidas tomadas co fin de demostrar que a cidade pode funcionar só cos vehículos necesarios, sendo preciso promover accións directas e valentes, na procura de mellorar a calidade de vida das persoas.
O rexedor pontevedrés sinalou a importancia de crear e proxectar cidades compactas, onde a veciñanza poida dispoñer de todos os servizos necesarios en tramos curtos e con desprazamento a pé. "Sempre é unha sorte e unha honra poder levar a cidade de Pontevedra polo mundo, ver e percibir o interese que esperta esta vila e o seu modelo, unha referencia que logramos construír entre todos e todas", manifestaba ao remate do seu relatorio.
Nesta cita, o alcalde de Pontevedra puido compartir tempo e conversa co seu homónimo de Toulouse, Jean-Christophe Tortora, ademais de urbanistas e expertos neste eido de todo o mundo, como Carlos Moreno, Carmen Santana, Alfonso Vergara ou Martha Thorne, entre outros.