Unha iniciativa pontevedresa demostrou até que punto a poboación ten ganas de axudar ante a traxedia derivada da DANA en Levante.
'Las Merceditas de Iria', o negocio online e físico que levan Mercedes e Camen Zaldivar, puxo á venda este luns unha partida de Tote Bags solidarias anunciando que o 100% do recadado se enviaría aos afectados de Valencia e en tan só catro horas esgotáronse.
"Vendeuse todo, e dúas ou tres veces máis que tivésemos", relata Mercedes Zaldivar a este xornal, moi satisfeita pola resposta solidaria: "A xente o que quere é axudar, colaborar".
Despois do éxito destas iniciativa, este martes decidiron seguir axudando e piden "urxentemente" botas de auga, pois son artigos que non se poden conseguir nestes momentos en Valencia e "están limpando con bolsas do super enroscadas nas pernas con cinta americana e zapatillas".
Todas aquelas persoas que teñan estes materiais, deberán entregalos entre este martes 5 e o mércores 6 na súa tenda da rúa Gutiérrez Mellado de Pontevedra.
Piden botas de tallas grandes, a partir do número 36, mínimo de media caña e que poden ser usadas se están en bo estado. Tamén fan unha chamada ás empresas pontevedresas que traballen na súa fabricación.
TOTE BAGS
En canto ás Tote Bags, todo se esgotou na tenda online, aínda que algunha foi de compradores de Pontevedra que a foron a recoller á tenda. Ademais, quedou una longa lista de clientela interesada que as contactou tanto por WhatsApp como por Instagram, pero non puideron nin responderlles. Irano facendo a medida que teñan oco.
Estas bolsas solidarias puxéronse á venda por dez euros, con envío gratis ou recollida en tenda para os compradores de Pontevedra. O stock superaba as 100 e quedaron curtas.
Con todas as bolsas esgotadas, Mercedes anuncia que este mesmo martes ingresará o diñeiro recadado na conta da ONG Casa Caridad de Valencia.
Para Zaldivar, a implicación da xente foi "incrible" e aproveita para desculparse con todas aquelas persoas que se puxeron en contacto para compralas e quedaron sen elas. Entre elas, por exemplo, estaban as nais do colexio do seu fillo, que lle fixeron encargos, pero xa se esgotaran.
Esta cantidade de clientela potencial que quedou sen a súa bolsa pode ter unha segunda oportunidade. "Foi unha pena porque se tivésemos tres veces máis, vendémolas", recoñecen, de modo que se puxeron en contacto co seu provedor para valorar un novo encargo.
"Imos seguir", anuncian, concienciadas coa necesidade de seguir buscando iniciativas para axudar aos afectados. Non saben como o farán, pero xa avanzan a posibilidade de facer novas Tote Bags e realizar unha preventa coa que seguir colaborando.