O Concello de Sanxenxo mantén a colaboración coa ONG Accem Galicia para xestionar a estadía de 70 migrantes procedentes de Mali que chegaron na tarde do martes ao municipio.
Contan con protección internacional tramitada e tamén con autorización para traballar, apuntan dende o goberno local.
O alcalde, Telmo Martín, e a concelleira de Servizos Sociais e Maiores, Paz Lago, reuníronse a semana pasada con Daniel Bóveda, coordinador de Accem, para ofrecer o seu apoio e facilitar a integración dos recén chegados.
Lago afirma que "Sanxenxo volverá a estar a altura tanto na cesión de instalacións municipais como na xestión doutros servizos que lles permitan interactuar e coñecer o noso municipio".
Entre as accións previstas, o Concello xestionará a reserva de espazos municipais e coordinará colaboracións con empresas privadas, así como xornadas de seguridade viaria e primeiros auxilios coa Policía Local e Emerxencias Sanxenxo.
SUBDELEGADO DO GOBERNO
Abel Losada, subdelegado do Goberno en Pontevedra, eloxiou a actitude do Concello de Sanxenxo e do hostaleiro que acolle a estes migrantes, destacando a importancia de "contribuír a tranquilizar á poboación e ao normal acollemento de persoas que veñen con protección internacional".
Losada explicou que o mecanismo de protección internacional acelera a obtención de permisos de traballo.
Unha vez aprobado o seu estatus de refuxiado, estas persoas poderán traballar libremente en Sanxenxo, Galicia ou calquera parte de España.
"É moi importante que a cidadanía saiba que non están sometidos a ningunha limitación de mobilidade", subliñou o subdelegado.
O subdelegado tamén fixo fincapé en que, unha vez obteñan a condición de refuxiado político, estas persoas poderán desprazarse libremente por toda España e "buscaranse a vida" deixando a instalación hoteleira que os acolle en Sanxenxo.
Esta iniciativa enmárcase nun contexto de solidariedade ante o desafío migratorio ao que se enfronta Europa "fóra dos circuítos legais habituais", lembrou Losada indicando que é necesario tranquilizar á poboación ante determinados alarmismos. "Ás veces olvidamos a nosa propia historia", apuntou o subdelegado.