Un total de 12 comercios, 16 vivendas e 5 barrios de Sanxenxo compiten en 'Deslumbra co teu Nadal'

Sanxenxo
18 de decembro 2024
Actualizado: 21:27

A decoración e a iluminación deberán estar expostos até o próximo 6 de xaneiro cando o xurado dea a coñecer os gañadores

Acendido da iluminación do Nadal en Sanxenxo
Acendido da iluminación do Nadal en Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo repartirá o próximo 6 de xaneiro 4.000 euros en premios entre os 12 comercios, 16 vivendas e 5 barrios que se presentaron á segunda edición do concurso 'Deslumbra co teu Nadal'.

A actividade, organizada desde o departamento de Cultura, dirixido por Elena Torres, e en colaboración con Entretendas CCU, conta este ano cunha nova categoría para rúas, prazas ou zonas da veciñanza cun único premio de 750 euros. Mantéñense o tres premios para establecementos comerciais de 1.000 euros, 750 euros e 500 euros, así como para a decoración exterior de vivendas con 500 euros, 300 euros e 200 euros.

Entre os establecementos participantes atópanse Viajes Inmobiliaria Salnés, Ijacar, Restaurante Xerfa, General Óptica Portonovo, Alma, Frutas Nieves Sanxenxo, Mahonia Interiorismo, Vistaóptica Portonovo, Patychuches, Multiflor, Pícaros School e Pequecholos.

En canto a rúas e barrios presentáronse comerciantes da Estrada da Lanzada ((D3D Odontología, Joyería Portonovo, MAY Mar, Modas Marta, Oficina de Turismo CETS, Los pies de Nala, Tapería Agarimo e Veraluz), Arra Catadoiro, Rúa Eira, Portonovo (Praza de Compostela, Praza de Méndez Núñez e Campo de San Roque) e Froxán (A Vichona).

Respecto das vivendas, están representadas as sete parroquias nos 16 participantes.

Os elementos decorativos deberán permanecer expostos até o 6 de xaneiro.

Todos os participantes deben enviar fotos e vídeos dos seus escaparates, fachadas ou exterior das súas vivendas e rúas para dalas a coñecer nas redes sociais. O fallo do xurado darase a coñecer o 6 de xaneiro durante a celebración do tradicional Concerto de Reis da Banda de Música de Sanxenxo, que terá lugar no Auditorio Emilia Pardo Bazán.

O xurado valorará a iluminación con até 10 puntos; a orixinalidade e o deseño con até 5 puntos; e o fomento de valores locais, contido didáctico do proxecto e o coidado do medio ambiente a través da utilización de materiais ecolóxicos, con até 3 puntos.