Tostas de verán con bonito do norte Pescamar

Pontevedra
13 de agosto 2022

Nesta nova entrega de "A cociña gourmet en conserva" imos elaborar unha receita sinxela ideal como aperitivo, onde aproveitaremos todos os beneficios dun dos peixes máis exquisitos e demandados: o bonito do norte

Tostas
Tostas / Foto de Shameel Mukkath - freepik.es

Chegamos a unha nova entrega de"A cociña gourmet en conserva" da man de Conservas Pescamar cunha proposta sinxela ideal como aperitivo nestes meses de verán e onde aproveitaremos todos os beneficios dun dos peixes máis exquisitos e demandados: o bonito do norte.

O bonito do norte é un peixe azul rico en graxa saudable, xa que contén unha gran cantidade de ácidos graxos poliinsaturados. A esta calidade, hai que engadir os efectos beneficiosos para a saúde cardiovascular da súa presentación en aceite de oliva.

Para preparar unhas deliciosas Tostas de verán con bonito do norte Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes:

- 6 rebandas grosas de pan

- 1 lata de bonito do norte en aceite de oliva Pescamar

- aceite de oliva virxe extra

- 1 dente de allo

- sal

- 2 tomates

- queixo mozarella

- cebola

- follas de alfábega

- pementa negra

- olivas negras

Preparación:

Comezamos a receita preparando a cobertura das tostas. Nun bol introducimos os tomates cortados en anacos pequenos, así como a cebola, o queixo e parte das follas de alfábega, todo iso tamén picado. Esparexemos un pouco de pementa negra e cubrimos co líquido da lata de bonito do norte en aceite de oliva Pescamar. Mesturamos suavemente os ingredientes e deixamos repousar tapados na neveira para que vaian collendo o sabor.

Tostamos as rebandas de pan nunha grella. A continuación, untámolas co aceite de oliva e o dente de allo. Engadimos un chisco de sal a cada tosta.

Sobre cada rebanda poñemos unha parte de bonito do norte en aceite de oliva Pescamar e outra da mestura que tiñamos na neveira. Coroamos cuns toros de olivas negras e unha folla de alfábega.

En dúas semanas, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.