Chegamos a unha nova entrega de "A cociña gourmet en conserva", coa calidade de sempre das Conservas Pescamar e unha preparación moi habitual para tomar nos establecementos a pé de rúa no Xapón: a tortilla okonomiyaki, á que lle imos dar cor e sabor cunha lata de luras en salsa americana.
O okonomiyaki é coñecido tamén como tortilla ou pizza xaponesa, dada a súa consistencia. A palabra mestura dous termos: ao gusto (okonomi) e á prancha (yaki). Aínda que admite diversas variantes, os ingredientes básicos que non poden faltar son a fariña, a col e o ovo.
Para preparar unha deliciosa Tortilla xaponesa con luras en salsa americana Pescamarnecesitamos os seguintes ingredientes:
- 1 lata de luras en salsa americana Pescamar
- Medio repolo cortado á xuliana
- 1 pataca relada
- 125 g de fariña para okonomiyaki
- 1 ovo
- 125 ml de auga
- 100 g de beicon cortado en anacos
- 50 g. de gambas cortadas en anacos
- 1 cebola pequena laminada en toros finos
- Alga nori picada
- Salsa para okonomiyaki
- Maionesa
Preparación:
Salteamos nun wok as porcións de repolo, pataca, beicon, cebola e gambas. Reservamos.
Preparamos a masa de okonomiyaki mesturando nun bol a fariña co ovo e a auga, que incorporaremos aos poucos ata obter unha masa solta pero non demasiado líquida.
Engadímoslle á masa os ingredientes que reservaramos e a lata de luras en salsa americana Pescamar, previamente escorrida e reservada o mollo.
Quentamos a prancha ou unha tixola antiadherente cun chorriño de aceite. Vertemos unha cunca da mestura e estendemos cunha culler de madeira ata darlle unha forma redondeada, como de torta. Tapamos e deixamos cociñar uns 5 minutos. Dámoslle a volta á tortilla e mentres se acaba de facer poñemos unhas porcións de alga nori enriba. Apertamos lixeiramente coa culler de madeira para comprobar que non sae líquido e que, por tanto, está feita.
Retiramos a tortilla da tixola ou prancha e empratamos. Por riba, decoraremos coa salsa para okonomiyaki e a maionesa, debuxando unha reixa con ambas, e finalmente unhas engadimos pingas dispersas por toda a tortilla da salsa americana que reservaramos.
* En caso de non poder comprar a salsa especial para okonomiyaki, podemos facer un preparado caseiro mesturando ketchup, salsa de soia e vinagre balsámico de Módena
En dúas semanas, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.