Tortilla rechea estilo 'thai' con berberechos Pescamar

Pontevedra
22 de xullo 2023

Unha receita que nos trae os aromas da cociña tailandesa e coa que aproveitaremos todos os beneficios dun dos produtos estrela da cociña atlántica: o berberecho

Tortilla rechea estilo 'thai'
Tortilla rechea estilo 'thai' / Foto de topntp26 en Freepik

Chegamos a unha nova entrega estival de"A cociña gourmet en conserva", coa calidade de sempre das Conservas Pescamare un dos produtos estrela da cociña atlántica: o berberecho.

Os berberechos son moluscos altamente nutritivos, grazas á súa achega en ferro. O seu baixo contido en graxas e gran porcentaxe de proteínas, convértenos nunha perfecta alternativa ás carnes vermellas.

Esta tortilla rechea é un prato propio de Tailandia, onde se lle coñece como Khai Yad Sai. Trátase dunha receita moi sinxela onde a tortilla envolve os ingredientes formando un paquetiño. Adóitase comer acompañada de arroz branco. 

Para preparar unha saborosa Tortilla rellena estilo 'thai' con berberechos Pescamar, necesitamos os seguintes ingredientes (para 2 tortillas):

- 1 lata de berberechos ao natural Pescamar

- 200 gr de tallaríns de arroz

- 2 ceboliñas

- 2 allos tenros

- 8 lagostinos

- 1 bandexa pequena de cogomelos

- 100 gr de xermolos de soia

- 80 ml de salsa pad thai (ou no seu defecto de soia)

- 2 culleradas de cacahuetes torrados picados

- Aceite de oliva virxe extra

- Sal

- 4 ovos

- 2 culleradas de salsa de soia

Elaboración do recheo:

Poñemos os tallaríns de arroz en remollo en auga a temperatura ambiente durante unha hora (ou o tempo que se indique nas instrucións impresas no envase do produto).

Toramos as ceboliñas e os allos tenros. Nun wok, ou na súa falta unha tixola, poñemos o aceite para quentar a lume alto e engadimos as verduras. Deixámolas facer uns minutos sen deixar de remover. Cando se acheguen ao punto desexado, incorporamos os lagostinos pelados e os cogomelos picados. Deixamos ao lume ata que estean cociñados.

A continuación, engadimos os tallaríns de arroz e mesturamos. Incorporamos a salsa pad thai, os berberechos ao natural Pescamar, previamente escorridos e reservado o líquido, os cacahuetes picados e os xermolos de soia. Movemos ben para que se mesturen todos os ingredientes. Se queda algo seco, pódese engadir unha parte do mollo da lata de berberechos Pescamar. Rectificamos de sal e reservamos.

Preparación da tortilla:

Batemos nun bol os ovos (2 por cada tortilla) e engadimos unha cullerada de salsa de soia.

Nunha tixola, manchamos o fondo cun pouco de aceite e quentamos. Incorporamos os ovos e estendémolos por toda a tixola.

Cando xa se forme unha tortilla fina, sen dar a volta, colocamos no centro a metade do recheo (a outra metade será para a segunda tortilla) e pechamos a tortilla dobrando polos catro lados ata formar un paquetiño. Presionamos lixeiramente cunha pa para que non se separen os lados.

A continuación, poñemos un prato encima e axudámonos del para presentala dada a volta. Cun coitelo fino, podemos facerlle uns cortes transversais para servila aberta.

Procedemos da mesma maneira para facer a segunda tortilla.

Nunha quincena, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.