Francesco Tonucci chegaba a última hora da noite do venres a Pontevedra debido a un atraso no voo. Unhas horas despois, o pedagogo italiano coñecido como Frato, participaba no Pazo da Cultura da sesión de grupo de expertos en mobilidade urbana dentro das xornadas "Infancia e cidade". A continuación, Tonucci percorría as rúas da cidade. Unha cidade que, segundo o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, está inspirada na Cidade dos nenos, unha obra de Tonucci que sitúa á infancia como o centro da vida urbana.
"Hace 10 años pasé por Pontevedra para proponer algo, hoy vuelvo a Pontevedra para aprender. He hablado mucho de Pontevedra en mis conferencias y encuentros porque considero esta ciudad como una ciudad líder para que este proyecto se pueda llevar a la práctica", así iniciaba o psicopedagogo a conferencia no Teatro Principal xunto a Fernández Lores e arredor de 300 persoas nas butacas.
Tonucci é un defensor das cidades nas que os nenos poden camiñar e dirixirse sen compañía de adultos ata a escola. Cre que os nenos, dentro dun marco, deben ser libres. Segundo os datos que manexa, en Alemaña o 75 por cento dos escolares van sós a clase mentres que en Finlandia a cifra case alcanza o 100%. Non obstante, nos países mediterráneos as porcentaxes son moito máis baixas.
O autor italiano afirma que a cuestión se sitúa entre a autonomía e liberdade que os nenos demandan e o control e a seguridade que reclaman os seus pais, e considera que os políticos deben escoitar os nenos. Por ese motivo, Tonucci expoñía que Pontevedra fixo "unha apuesta clara" pola primeira opción. Segundo afirma, "las calles son peligrosas cuando no hay niños. La libertad permite que sean más responsables. Cuando hemos realizado encuestas, los niños apostaban por ir solos porque así podían hablar entre ellos".
As xornadas finalizan este domingo ás 13 horas no Pazo da Cultura.