Todos pendentes do reconto de 8.826 votos da emigración na Audiencia de Pontevedra

Pontevedra
26 de febreiro 2024

O reconto realízase nunha sala de vistas da Audiencia. A maioría dos sufraxios chegaron desde Arxentina, uns 2.400. Desde Uruguai enviaron o seu voto 1.231. Outros 929 proceden de Suíza. Desde Francia chegaron 796. De Venezuela votaron 473 persoas. Non se prevé que o seu resultado afecte a repartición de escanos

Reconto do voto emigrante das eleccións autonómicas do 18 de febreiro
Reconto do voto emigrante das eleccións autonómicas do 18 de febreiro / Mónica Patxot

A Audiencia Provincial de Pontevedra está a ser este luns 26 de febreiro foco de atención de todos os partidos políticos con motivo do reconto dos votos do Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA) nas pasadas eleccións autonómicas do 18 de febreiro.

O reconto realízase nunha sala de vistas da primeira planta da Audiencia Provincial, o lugar no que se concentran urnas e sacas con votos en cada cita electoral.

A última hora da mañá non comezara o reconto en si, senón que previsiblemente realizarase durante a tarde. Pero si houbo moita actividade desde primeira hora da mañá na Audiencia. Como primeiro paso, os funcionarios habilitados pola Xunta Electoral para esta tarefa introduciron nas urnas todas as papeletas chegadas desde o exterior, un total de 8.826 con destino a esta provincia. 

Pontevedra é a segunda provincia que recibiu máis votos do exterior nesta cita electoral, por detrás dos 10.924 da Coruña e por diante dos 6.150 de Ourense e 3.300 de Ourense. 

Do total de sufraxios que se meteron nas urnas na Audiencia, a maioría chegaron desde Arxentina, uns 2.400. Desde Uruguai enviaron o seu voto 1.231. Outros 929 proceden de Suíza. Desde Francia chegaron 796. De Venezuela votaron 473 persoas. 

O reconto das papeletas pendentes séguese con atención por parte dos partidos políticos, pero en Pontevedra non se prevé que o seu resultado afecte a repartición de escanos.

Nesta provincia, o último escano sumouno o PP e, para que variase algo, o PSOE tería que lograr 6.450 votos máis que os 'populares' e arrebataríalle un deputado. Dado que se emitiron en total 8.826 votos, esta posibilidade non entra nos cálculos de ningún partido .

Tan só en Ourense este voto emitido desde o exterior podería supoñer cambios. O PSOE podería lograr un escano máis por esta provincia, pois quedou a 112 votos e pasou de 3 a 1 deputado. Arrebataríallo, previsiblemente, ao PP, que pasaría de 8 a 7, pero, en todo caso, non vararía o taboleiro electoral, pois o PP logrou unha maioría absoluta de 40 deputados o pasado domingo, de modo que, como moito, baixaría a 39, unha maioría suficiente para gobernar en solitario. 

O voto exterior disparouse nestas eleccións tras a supresión do voto rogado en 2022. Segundo os datos da Xunta Electoral, 29.300 galegos emitiron o seu voto desde a emigración, o 6,15% dos electores galegos no exterior. Supón cinco veces máis que nas autonómicas de 2020. En total, hai 476.544 votantes rexistrados no CERA. 

Arquivado en