O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinou este xoves un convenio de colaboración coa Federación Atlántica de Asociacións de Familias de Persoas con Alzhéimer (Fadeal), para levar aos 61 concellos de provincia o programa “Alzheimer de Preto”.
Trátase dunhas xornadas de concienciación nas que profesionais ofrecerán de xeito gratuíto información especializada sobre esta enfermidade, a atención que poden prestar os familiares e os coidados que precisan os pacientes. O seu obxectivo é ofrecer unha primeira aproximación á enfermidade de Alzheimer e outras neurodexenerativas, dando unha visión horizontal e global de todo o que supoñen desde os seus estadios iniciais.
Luis López destacou que a Deputación quere con esta iniciavia "axudar a todas esas persoas que, por desgraza, lles tocou padecer esta enfermidade tan cruel".
Ademáis do titular da Deputación, na sinatura deste convenio que porá en marcha este programa de accións por toda a provincia, participaron a deputada de Benestar Social, Sandra Bastos; o presidente de Fadeal, Jose Manuel Fontenla; e representantes das catro asociacións que forman parte desta entidade: Afaga, Afapo, Afasal e Afamo.
A Deputación aportará 15.000 euros a este programa "Alzhéimer de Preto", para que "todas esas familias, vivan onde vivan, poidan coidar do mellor xeito posible ao paciente".
Estas reunións serán abertas e gratuítas para que as persoas diagnosticadas de mal de Alzheimer ou demencia nunha fase temperá, as súas familias ou a poboación en xeral, podán resolver todas as súas dúbidas e concienciarse sobre "unha enfermidade da que ninguén está libre", dixo Luis López.
O presidente da Deputación louvou o traballo diario que fan as asociacións que operan na provincia para desenvolver programas como o servizo de atención ás familias de persoas con demencia de Afaga, as terapias non farmacolóxicas para pacientes con demencia de Afapo, a atención integral a persoas afectadas de Alzhéimer e outras demencias de Afamo ou os talleres de estimulación para persoas con alzhéimer de Afasal.
A colaboración directa con estas catro entidades que supoñen a achega dun total de 75.000 euros por parte da Deputación de Pontevedra.
A sinatura deste convenio prodúcese dous días antes da conmemoración do Día Mundial do Alzhéimer, o vindeiro 21 de setembro.