"Todo vai saír ben", aseguran os profes

Pontevedra
18 de marzo 2020

Dende o luns 16 de marzo ata... ata cando sexa, o profesorado promove distintas iniciativas para o seu alumnado durante o tempo que dure o estado de alarma e non poidan volver ás clases

Unha aula baleira
Unha aula baleira / CEIP de Ponte Sampaio

Dende o luns 16 de marzo ata... ata cando sexa, o profesorado promove distintas iniciativas para o seu alumnado durante o tempo que dure o estado de alarma e non poidan volver ás clases.

Deste xeito, é tal e como establece as instrucións dadas pola Consellaría de Educación, o profesorado programará nas páxinas web dos centros ou por outros medios telemáticos, accesibles ao seu alumnado, actividades xenéricas relacionadas cos contidos curriculares para que o seu alumnado as poida realizar no seu domicilio, e fará o seu seguimento, pero que "non terán carácter de avaliables".

O obxectivo é que o alumnado manteña uns hábitos e unhas rutinas de estudo.

Sirva como exemplo un colexio do rural pontevedrés, o CEIP de Ponte Sampaio. O claustro de profesores puxo en marcha distintas iniciativas para o alumnado e as familias.

Entre elas atópase o blog da biblioteca que ofrece unha actividade diaria voluntaria para o alumnado que inclúe por exemplo a realización dun caderno de bitácora, a decoración das fiestras das casas con arcos da vella e mensaxes de ánimo.

Tamén está o xornal dixital educativo "Ponte Novas" no que se redifunden noticias de interese para o alumnado e as familias, ben sexan noticias educativas ou de actualidade, e sempre en galego.

O instagram do centro educativo vaise facendo eco das actividades que se desenvolven no centro.

No blog de educación infantil recóllense recomendacións de actividades para as familias de educación infantil, así como vídeos educativos, cancións... para os máis pequenos. No de 1º e 2º de educación primaria están as actividades que suxiren as titores para estes alumnos e xogos didácticos. E no de 4º de primaria tamén hai actividades para o alumnado de 4º así como vídeos educativos, contos, etc.

Na páxina web do centro teñen creada unha xanela coas actividades xenéricas dos especialistas en informática, audición e linguaxe, inglés, entre outras suxestións.

O profesorado do centro permanece nas súas casas realizando teletraballo, agás o equipo directivo que acode ao centro todos os días de 10:00 a 13:00 de xeito individual e por quendas tal e como recolle a normativa da comunidade autónoma.