Este xoves presentouse o Entroido de Poio que comeza o 19 de febreiro cando se dea o pistoletazo de saída á festa, co Desfile de Entroido que retoma o percorrido tradicional da comitiva.
A saída dos participantes será ás 17.00 horas desde a Praza da Granxa de Campelo, con chegada á Seca onde se fará a entrega de premios.
Este ano, a programación tamén inclúe actividades específicas para as crianza. Así, o luns 20 haberá un obradoiro infantil na sede da Comunidade de Montes Rega dos Agros, desde as 16.30 horas, organizado polo Ateneo Corredoira, que tamén ofrecerá unha festa de disfraces para cativos o martes 21, ás 17.30, no mesmo emprazamento. O sábado 25, será a Asociación de Veciños de Campelo a que ofreza unha festa para nenos e nenas no seu local social, desde as 17.00 horas. Ese mesmo día, a partires das 20.00 horas, no mesmo emprazamento terá lugar unha das novidades da programación, como é o Entroido na Veciñanza, organizado pola Asociación de Mulleres Arela, mentres que o venres 3 de haberá unha sesión infantil de Entroido, amenizada con música, en Lourido, desde as 18.00 horas, como preludio ao Enterro do Berberecho.
OS ENTERROS
Se hai algo que caracteriza e distingue ao Entroido de Poio son os enterros, organizados e impulsados desde hai moitos anos polo tecido asociativo.
A primeira destas pintorescas despedidas será o Mércores de Cinza, 22 de febreiro, co Enterro do Mexillón do Ateneo Corredoira. A saída do cortexo fúnebre sairá do porto da Canteira e chegará ata a Praza da Chousa, para a súa posterior incineración. O cadáver do mexillón contará cun acompañamento musical a cargo de grupos como Os Caneos, As Sonecas, Os 100tolos e a Batucada Os Queimatasas.
Xa en marzo, o venres 3, chegará o momento de despedir ao Berberecho de Lourido, grazas á Asociación de Veciños. Ademais de contar tamén con grupos como os anteriormente citados, a organización repartirá premios para os mellores disfraces, así como chocolate quente e churros entre as e os asistentes.
O sábado 4, dirá adeus o galo Fodorico Agusto Bastante, da Asociación Ronsel, un dos grandes símbolos do Entroido, con saída do cortexo fúnebre desde O Sartal ata a Praza do Mosteiro. Alí terá lugar tamén a Festa Choqueira (21.30 horas), na que Ronsel ofrecerá caldo popular e haberá unha actuación do Dúo Prisma.
O Enterro do Galo Bruxo de Samieira, organizado pola SCD Samieira, porá o broche de ouro á programación o sábado 18 de marzo na Praza Alfredo Romay. Todos os sepelios darán comezo ás 20.30 horas.