O 20 de xaneiro xa se inician algunhas das actividades que o Concello de Soutomaior programa para a recuperación do denominado 'Entruido' da vila. Ata o 28 deste mes desenvolveranse obradoiros vencellados a estas festas.
Vai prepararse a comparsa municipal os días 20 e 27. Tamén se desenvolverá un taller de "ganchillo" para crear máscaras na xornada do sábado 20 mentres que o domingo 28 realizarase outro centro na elaboración de máscaras de Entruido.
As inscricións para estas actividades pódense realizar xa a través desta ligazón.
No mes de febreiro, o día 3 comezará o Concurso de Comparsas. É necesario apuntarse no Rexistro na sede electrónica. O prazo para apuntarse comeza este martes 16 ás 09.00 horas e finaliza o mércores 25 de xaneiro ás 14.00 horas.
O desfile iniciarase ás 17.30 horas desde a Rúa do Calvario e finalizará en Talo Río. Alí darase lectura ao pregón a cargo dos integrantes máis novo e máis veterano da comparsa municipal. A partir das 19.30 horas entregaranse os premios para, a continuación, comezar a verbena coa Discomóbil Dolcevita.
O domingo 4 haberá sesión vermú, ás 12.00 horas, na Alameda de Talo Río, con elementos de diversión para o público infantil e un espazo de gastronomía.
O 9 de febreiro está programado o pasacalles do alumnado do CEIP M. Padín Truiteiro desde o centro educativo ata Talo Río. Haberá tamén unha actuación musical.
O sábado 10 de febreiro será a xornada de recuperación da actividade 'Correr o Entruido', unha práctica documentada polo antropólogo Rafael Quintía que estivo a analizar datos de interese relacionados a ritos tradicionais como a corrida e desfile do galo, bailes e fiadas do martes de Entruido, ritos satíricos e burlescos con mecos, ademais de ritos comensalidade.
O Concello anima á poboación para formar comitivas de persoas enmascaradas para percorrer os barrios realizando ruído, cantando, bailando e gastando bromas. Tamén se recuperan os ritos petitorios pedindo algo de comida ou de bebida para repoñer forzas. Recoméndase o uso de disfraces e máscaras "farrapeiras" improvisadas e con material de casa como roupas ou gorras vellas, caras tapadas con trapos con buracos, caretas de cartón ou máscaras realizadas con ganchillo, entre outras.
Esa mesma xornada do sábado está prevista ás 20.30 horas unha merenda cea gastronómica na Casa do Pobo do Val do Sobral con verbena.
O 11 de febreiro chegará a festividade do Galo, cun personaxe que recreará esta tradición, percorrendo en procesión os barrios de Soutomaior. Concluirá cunha comida comunal.
Durante a tarde, Talo Río recibirá o carro do Galo coa corrida na que se inclúen xogos para todas as idades e unha actuación musical.
Finalmente, o martes de Entruido anúnciase a fiada e os mecos santíricos. A fiada ofrece un baile tradicional a última hora da tarde con música e baile tradicional con gaitas, pandeiretas e baile con desafíos entre os participantes.
Bonecos de palla, coñecidos como mecos, e os versos satíricos sobre acontecementos do ano serán os protagonistas a últimas horas desa xornada final coa idea de que os mecos queden no barrio veciño nunha divertida confrontación entre os distintos puntos da vila. A cita iniciarase ás 20.30 horas e finalizará ás 00.00 horas do martes de Entruído.