A Estación de Tratamento de Auga potable de Lérez (ETAP) xa ten instalada a turbina que permitirá o auto abastecemento de enerxía eléctrica a estas instalacións. Segundo informaba este luns, a portavoz municipal Anabel Gulías, o Concello e Viaqua, a empresa concesionaria do servizo, implantaron este sistema de xeración hidráulica de cero emisións de CO2, utilizando enerxía renovable e non contaminante.
A planta situada en Lérez xa conta co equipo de bomba que funciona como turbina acompañado de accesorios hidráulicos, encargados de transformar a enerxía potencial a través dos saltos de auga das instalacións.
Segundo explicaba Gulías, as previsións técnicas establecen entre un 85 e un 100% a enerxía que proporcionará este sistema para cubrir a actividade eléctrica actual da ETAP. A variación deste abastecemento dependerá do caudal do encoro do Pontillón do Castro, que se alimenta unicamente da auga de choiva.
Para a instalación deste sistema evitouse a ampliación das instalacións e o custo do proxecto sitúase en 320.000 euros, explicou a portavoz municipal, quen lembrou a evolución do encoro desde a súa creación en 1955 e o seu paso en 2007 a espazo deportivo, que agora permitirá xerar enerxía para a Estación de Tratamento de Auga.
Anabel Gulías explicou que este tema tratouse na Xunta de Goberno do Concello e a posta en marcha do sistema depende da autorización da Consellería de Industria, a quen se lle solicitou tempo atrás desde os servizos municipais, indicaba a representante do goberno bipartito.
A produción de enerxía eléctrica inicialmente será para uso e aproveitamento da estación potabilizadora, pero no caso de que se xere unha maior produción estudaríase o seu traspaso á rede eléctrica municipal. Anabel Gulías indicou que son medidas que axudará a facer fronte ao encarecemento da factura eléctrica.