Conseguir que o entorno educativo sexa seguro contra a COVID-19 é o obxectivo do protocolo que, de cara ao inicio do curso escolar, aprobaron as consellerías de Educación e Sanidade para adaptar a todos os centros non universitarios ao contexto creado pola pandemia.
Unha das principais medidas, segundo avanzou o goberno galego, é que vanse a facer test serolóxicos de dobre banda a todo o persoal dos centros educativos antes de que comecen as clases o próximo mes de setembro.
O protocolo aprobado, que será remitido en próximos días a toda a comunidade educativa, está dirixido ao alumnado, ao persoal docente e non docente e ás familias, ao entender que manter a seguridade nos colexios e institutos depende de todos.
No que atinxe aos principios sanitarios básicos, cada centro deberá contar cun equipo formado na COVID-19 cunha persoa coordinadora de referencia e terá un centro de saúde de atención primaria de referencia para contacto en caso de dúbidas.
Todo o persoal e o alumnado deberá realizar cada día unha autodiagnose e contactar co centro de saúde se presentan síntomas. Ademais, cada centro contará cun espazo de uso individual para illar ao alumnado, no caso de sospeita, mentres se xestiona o seu traslado.
A distancia recomendada pola Organización Mundial da Saúde para os centros educativos é de 1 metro entre as persoas, o que permitirá que o alumnado estea sen máscara, sempre e cando permaneza sentado na aula en pupitres e coa mesma orientación.
No caso de que estas distancias non se puidesen cumprir polo tamaño da aulas, retirarase o mobiliario que non sexa indispensable ou empregaranse aulas de maior dimensión e, como última medida, será necesario o uso da máscara en todo o horario lectivo.
Todos os membros da comunidade educativa terán que usar a máscara fóra das aulas, onde a distancia que se deberá manter será de 1,5 metros.
Isto é, será obrigatorio o uso da máscara para circular polos corredores (agás o alumnado de Infantil), nas entradas e saídas ao centro, nos recreos, nas entradas e saída do comedor escolar e na biblioteca e, cando non se poidan manter os 1,5 metros, na clase de educación física.
No caso de Educación Infantil e Primaria poderase optar pola alternativa de establecer grupos estables de aula, ata un máximo de 25 alumnos, que xunto á persoa titora poderán conformar grupos de convivencia estable.
Nestes grupos poderase socializar e xogar sen ter que manter a distancia interpersoal de forma estrita, aínda que deberán evitar a interacción con outros grupos do centro educativo.
Polo demais, as medidas serán as habituais para a contención da pandemia, como a hixiene de mans, especialmente á entrada e saída do centro; instalación de portapanos desbotables ou a desinfección dos postos de traballo, entre outras.
De feito o propio documento inclúe tamén medidas xerais de limpeza, como a de limpar polo menos tres veces os aseos na xornada. Cada centro deberá ter, en calquera caso, un protocolo de limpeza e desinfección que responda ás súas características particulares.
O uso de comedor quedará limitado á capacidade suficiente para ter ao alumnado separado por 1,5 metros ou 1 metro se non están uns fronte a outros. Para aumentar a capacidade do servizo poderán facerse varias quendas. En calquera caso, procurarase que o alumnado sente no comedor agrupado por aulas, para manter a continuidade do grupo.
No caso do transporte escolar, o aforo dos vehículos será o determinado en cada caso polo órgano autonómico ou estatal competente. Inicialmente poderán ser empregadas todas as prazas do transporte escolar, sempre con uso de máscara por parte dos transportados e da persoa condutora.
As bibliotecas, pola súa banda, poderán ser usadas ata o 50% do seu aforo e haberá un protocolo de acceso. Nela aplicaranse as normas de uso e funcionamento aplicables ás aulas ordinarias e manterase o préstamo de libros, se ben deberán deixarse en corentena polo menos 24 horas cando se devolvan.
No caso de materiais e aulas de uso compartido, por exemplo material deportivo, xogos, aula de música, evitarase na medida do posible o uso colectivo. En calquera caso todo o material deberá ser desinfectado.
En canto ás clases de educación física, tamén se fomentarán as actividades individuais, e será obrigatorio o uso de máscara cando non se poida manter a distancia de 1,5 metros. Nos aseos, o aforo estará limitado a un terzo.
O documento establece o uso obrigatorio de máscara nos recreos. De ser posible, estableceranse ademais quendas e grupos, co obxectivo de evitar unha grande afluencia de alumnado ás mesmas horas e nos mesmos espazos.
Na medida do posible, limitaranse espazos para que un grupo de 50 alumnos poida estar a unha distancia de polo menos 1,5 metros entre si. Se non se desen estas condicións, os centros poderán optar, por exemplo, por facer recreos na aula.