Todo lista para unha nova edición da Pontevedrada, "unha das probas máis emblemáticas desta cidade", en palabras da concelleira de Deportes, Anabel Gulías.
Esta proba, unha marcha a pé entre Pontevedra e Santiago para concienciar a poboación sobre a importancia da doazón de sangue, órganos e tecidos, partirá o sábado 26 de abril ás 20.00 horas da avenida de Montero Ríos.
Anabel Gulías presentouna este luns acompañada polo presidente da asociación organizadora, Asampo, Fran Pérez, que amosou o seu desexo de que "sexa un pouco Feroz", como os premios da Asociación de Informadores Cinematográficos de España que se entregaron este 2025 e repetirán en 2026 en Pontevedra.
"O premio é que se fagan máis doantes, que é o que estamos pedindo e fomentando", sinalou Fran Pérez, que tamén anunciou novidades para esta edición.
Este ano, a saída desde Pontevedra será moi musical, pois os Gaiteiros das Rías Baixas acompañarán as persoas participantes na primeira parte do percorrido, ata saír da cidade.
Ademais, terán unha colaboración "moi importante", persoas superviventes de cancro de mama compartirán as súas experiencias sobre a importancia da doazón e farán un corredor de despedida para as persoas participantes.
O prazo de inscricións remata este martes e, de momento, xa levan preto de 1.000 participantes. A organizacíon confía no habitual tirón dos últimos días, pero tamén apunta que "non é o importante o número", senón que "o importante é que se vaian enchendo os bancos de sangue, que se vaia facendo xente doante".
As persoas interesadas en participar aínda poden inscribirse a través do enderezo electrónico pontevedrada@gmail.com ou do WhatsApp 602526978.
Un exemplo da proxección desta proba é a orixe das persoas inscritas. Teñen xa participantes confirmados de Canarias, Toledo, Oviedo, Madrid, Huelva, Valencia, Asturias, Uruguay, Mallorca, Salamanca, Australia y Senegal.
Este ano, ademais de catro coches con voluntarios e voluntarias do ámbito sanitario, teñen de apoio unha ambulancia que acompañará o percorrido ata Santiago.
E teñen tamén os habituais coches con comida e bebida para as persoas participantes, aguas, bocadillos, froita e outros efectos, todo de empresas que fan doazóns altruistas.
Anabel Gulías destacou que Asampo demostra que "os camiños longos tamén son os máis bonitos de percorrer", pois os seus inicios foron duros, "insistiron e hoxe temos unha proba que bate récords de participación".
Recoñeceu a importancia deste evento, que "implica poñer o foco e darlle visibilidade á todas as persoas que doaron ou deron vida para que outras persoas volveran á vida" e tamén "é un exemplo de coraxe, de valentía".
O traballo para facer realidade a Pontevedrada comeza coa lúa de outubro, cando as persoas voluntarias soben ao monte para cortar as ramas de abeleira coa que se elaboran os tradicionais dorsais.