"Todo está expropiado e quen diga o contrario é un bellaco. Non me merece respeto ningún"

Pontevedra
08 de outubro 2014

"Lamento que unha persoa como Ricardo Aguilar métase na lama para facer o traballo sucio", dixo Vicente García Legísima ao respecto dos terreos para o novo edificio xudicial da Parda. Asegura que mente nas súas declaracións "ou polo menos, é un indocumentado" e insiste en que todos os terreos figuran a nome do Concello de Pontevedra

Os concelleiros nacionalistas Vicente García Legísima e Luís Bará
Os concelleiros nacionalistas Vicente García Legísima e Luís Bará / Mónica Patxot

Hai 24 horas, o Partido Popular aseguraba que o Concello de Pontevedra, a pesar do dito en varias ocasións, non era titular aínda de todos os terreos necesarios para construír o novo edificio xudicial da Parda. Unha denuncia que encontrou este mércores unha resposta moi dura por parte do goberno municipal, en concreto do concelleiro de Patrimonio, Vicente García Legísima, que negou rotundamente que iso sexa certo.

"Todo está expropiado e quen diga o contrario é un bellaco", afirmou García Legísima en referencia á rolda de prensa protagonizada polo concelleiro popular, Ricardo Aguilar. "Lamento que unha persoa como Aguilar métase na lama para facer o traballo sucio", dixo, porque asegura que mente nas súas declaracións "ou polo menos, é un indocumentado". Insiste en que todos os terreos figuran a nome do Concello de Pontevedra.

O concelleiro de Patrimonio explicou que dende o goberno municipal se está a facer "todo o posible" por cumprir cos requirimentos da Xunta de Galicia con respecto a estes terreos. Tras ser expropiados, sinalou, o único trámite que falta é o denominado tracto sucesivo, é dicir, parte deses terreos han de ser inscritos no catastro primeiro como propiedade de Adif (que os cede ao Concello) e posteriormente como parcelas municipais.

Ese mesmo trámite ha de facerse no Rexistro da Propiedade. "Todo iso leva un tempo e nos gustaría que fora menos", subliñou Vicente García Legísima, quen reiterou que iso non impide, como así o testemuña a documentación entregada por Adif, que todos os terreos sexan xa propiedade do Concello. Así, asegurou que a administración municipal formalizou en 2012 a posta a disposición dos devanditos terreos "e non foi rexeitada pola Xunta".

"Quero crer que Alfonso Rueda é sinceiro nas súas palabras e quere facer o edificio", afirmou o edil de Patrimonio

Ademais, todo este proceso que está pendente non impediría que a Xunta de Galicia puidese comezar as obras. García Legísima puxo como exemplo, entre outros, o Centro de Piragüismo do Pontillón do Castro (Verducido), cuxa construción finalizou en 2007, data dende a que está en uso. Ata o 5 de xullo de 2013 a Xunta non iniciou os trámites para inscribir ao seu nome os terreos. E a día de hoxe, "nin non rexistro nin non catastro está aínda a nome deles ".

Por iso, Legísima acusou ao PP local de intentar "desprestixiar" ao Concello e ao traballo dos seus funcionarios municipais cunhas acusacións feitas por un "cínico ou un mentiroso" e que entende son palabras que "van en prexuízo dos intereses de Pontevedra e da administración de Xustiza", algo que, destacou, "non é de recibo". Trátase dunhas actitudes que "non me merecen respecto ningún".

En todo caso, Vicente García Legísima quixo romper unha lanza a favor da Xunta de Galicia, a pesar de que o PP local afirme que o futuro dos novos xulgados é incerto. "Quero crer que Alfonso Rueda é sinceiro nas súas palabras e quere facer o edificio", afirmou o edil de Patrimonio. De feito, desvelou que técnicos municipais e autonómicos estiveron reunidos "hai pouco" para tratar este asunto e que xa se fixeron exploracións sobre os terreos.