Todas as empresas participantes na misión comercial a México fixeron negocio

Pontevedra
14 de setembro 2017

"O traballo de todos fai que nos sintamos orgullosos da nosa cidade", dixo este xoves o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nun encontro con todas as empresas que participaron na misión comercial a México organizada recentemente polo Concello

Encontro do alcalde con todas as empresas que participaron na misión comercial a México
Encontro do alcalde con todas as empresas que participaron na misión comercial a México / Mónica Patxot

"O traballo de todos fai que nos sintamos orgullosos da nosa cidade", dixo este xoves o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nun encontro con todas as empresas que participaron na misión comercial a México organizada recentemente polo Concello.

A reunión serviu para facer un balance das xestións levadas a cabo coincidindo todos os presentes en que foi un "éxito", conseguindo todos eles facer importantes negocios.

Así, Marcos Otero, responsable de "O Graneiro de Amelia" valorou a iniciativa do Concello como "moi positiva" pois conseguiu comprar produtos alimentarios a granel e espera poder pechar tratos con novos provedores para as súas tendas.

Grazas a esta viaxe, Arturo Navas, xerente de "Yatecomeré" está a impulsar o seu negocio de pratos precociñados no país azteca. "Pensamos que foi un éxito e que no 2018 poderemos estar a operar alí", tendo presente que México ten un acordo de libre comercio con Estados Unidos e Canadá "unha vía de entrada a mercados importantísimos".

No restaurante o "O Eirado da Leña", este sábado día 16 empezarán a traballar en prácticas dous estudantes de cociña da Universidade Claustro de Sor Juana de Cidade de México. Así o anunciou o cociñeiro Iñaki Bretal, que está a negociar "a posibilidade de montar algo alí". Con todo as xestións víronse alteradas con motivo do terremoto que acaba de sufrir o país.

A misión para a construtora COVSA tiña un obxectivo completamente diferente. "Fuimos a ver cómo está el mercado en el sector de la obra civil y ver si hay posibilidades de entrar", sinalou Paula Frieiro representante da empresa. "El viaje ha estado muy bien planificado" e sinalou que "lo más importantes es que ahora nos traemos contactos y ya no partimos de cero. Ahora nos pensaremos si abrimos el mercado".

Tamén viaxaron firmas xa implantadas en Latinoamérica e con distribuidor en México. É o caso de TokkApp, unha empresa pontevedresa que creou unha plataforma de comunicación que axuda a entidades públicas e privadas a contactar cos seus usuarios, a través de mensaxería instantánea, con validez legal en todos os seus comunicados e con certificación de lectura.

Segundo explicou o director xeral da compañía, Edelmiro Xusto, "agora asinamos con outro distribuidor local e xa estamos a traballar con varias institucións en Educación". A Secretaría pública de Educación do goberno mexicano amosou o seu interese nesta plataforma e comprometeuse a buscar financiamento para implantala no país.

Galventus, especializada no sector eólico, é outra das empresas con negocios en México. Xose Lois Pazos, o seu director técnico conseguiu ampliar o seu coñecemento deste mercado e logrou novos contactos, entre outros coas multinacionais Gamesa e Enel. "Vemos que temos moito futuro en México porque o sector eólico é novo e fai falta absolutamente de todo" e adiantou que "creo que para o ano que vén podemos facer moito negocio con eles".

Igualmente para Setga, unha firma de enxeñería pontevedresa dedicada á iluminación de espazos públicos, esta misión empresarial axudou a "reorientar" a estratexia comercial da compañía en México onde, segundo o responsable de desenvolvemento de negocio e márketing, Iago Barbeito, "debemos enfocar una estrategia de distribución más amplia desde Ciudad de México".

Neste sentido, a semana que vén pecharán un acordo de venda e distribución con Ecotec. Unha xestión que agradece ao "respaldo institucional" do Concello de Pontevedra que lles permitiu "caminar en una semana lo que nos podía llevar un año", brindando o acceso á administración pública mexicana.

Para Diego Rodríguez, representante de Krack Zapatería, era a primeira experiencia nunha misión comercial. "Foi realmente interesante, conseguimos importantes contactos coas dúas firmas máis importantes de venda en México" e a día de hoxe "temos esperanzas en poder realizar algún negocio con eles".

Finalmente a produtora cinematográfica Matriuska Producciones, asinou un acordo co Instituto Mexicano de Cinematografía para a rodaxe da súa nova película, que transcorre entre México, Italia e Cataluña, e que leva por título "¿Qué hicimos mal?".

Arquivado en