Todas as confrarías mixtas e cambio de percorrido, as novidades da Semana Santa en Pontevedra

Pontevedra
05 de marzo 2024

A Semana Santa de 2024 vai marcar un antes e un despois en Pontevedra. Por primeira vez, todas as confrarías procesionarán sen distinción de xénero e, ademais, de modo temporal, unificarán traxectos o Xoves e Venres Santo

Procesión dos Pasos do Xoves Santo 2023 (Ana Gómez Mirón, 2ª pola esquerda)
Procesión dos Pasos do Xoves Santo 2023 (Ana Gómez Mirón, 2ª pola esquerda) / Diego Torrado

A Semana Santa de 2024 vai marcar un antes e un despois en Pontevedra. Por primeira vez, todas as confrarías procesionarán sen distinción de xénero.

Nos últimos tempos, as confrarías tradicionalmente masculinas abríronse a incorporar mulleres ás súas filas. Mentres, a Confraría da nosa Nai da Maior Dor e das Angustias e do Noso Pai Xesús do Encontro mantiña o seu organigrama integramente feminino. 

Ata que neste mes de xaneiro recibía a confirmación por parte do Arcebispado de Santiago de Compostela de que aceptaba o cambio de estatutos proposto. Deste xeito, a Confraría da Maior Dor, como lla coñece co nome abreviado, pasaba a conformarse como confraría mixta.

"O que queriamos é que a discriminación por xénero deixase de existir dentro da confraría. Baseámonos nas confrarías de Pontevedra, que eran de homes e pasaron a ser mixtas. Pois nós, ao revés, pero segue sendo a mesma idea", indican Ana Gómez Mirón, a presidenta da confraría, e Raquel Rodiño, a secretaria, en conversa con PontevedraViva.

Fundada en 1955, data dos seus primeiros estatutos, como confraría integramente feminina, a partir dos anos 60 interrompeu as súas actividades. Houbo que esperar ata 1984 para volver vela saír en procesión. 

Fanse, polo tanto, 40 anos desde que a Confraría da Maior Dor regresase ás rúas de Pontevedra e, neste aniversario, farao procesionando en convivencia mulleres, homes, nenas e nenos. 

Este anuncio xa se traduciu en dez novas incorporacións masculinas: cinco adultos e cinco nenos. En total, esta Semana Santa a confraría viviraa con 102 membros.

Pese ao compromiso por parte da confraría, a apertura a confrades masculinos non foi rápida. "Empezamos o proceso en novembro de 2022, que foi cando se presentou a proposta á asemblea da confraría". Un mes despois, preséntanse os novos estatutos no Arcebispado. O proceso, comentan ambas as integrantes da Xunta Directiva da Confraría, foise alongando porque o Arcebispado devólvelles a documentación para que corrixan algún punto, un trámite habitual nestes casos. A continuación, realizados os cambios, regresan os estatutos ao Arcebispado que, en xaneiro de 2024, ao fin apróbaos.

O cambio tamén afectará á indumentaria dos confrades. Incorpórase o hábito nazareno, común a outras confrarías, que está formado por caparucho, capa e túnica completamente negros. As confrades femininas poden escoller indistintamente este hábito nazareno ou o tradicional feminino. Ambas as directivas confirman que "nós imos seguir igual co noso sinal de identidade, que sería a mantilla, con media branca e zapato negro, luvas negras e rosario".

Con estes cambios, sairán en procesión o Martes Santo, acompañando á Confraría do Silencio; o Mércores Santo, na procesión propia da Confraría da Nosa Nai da Maior Dor, onde só sairán os e as integrantes da mesma; o Xoves e Venres Santo, compartindo procesión co resto das confrarías de Pontevedra; e o Domingo de Resurrección que, levando a imaxe de San Juan, participarán no encontro na praza da Ferrería coa Virxe do Amor Fermoso e o Cristo Resucitado.

CAMBIO DE PERCORRIDO

Esta semana Santa en Pontevedra darase a circunstancia de que os percorridos das procesións do Xoves e Venres Santo serán similares.

As obras no lateral do Liceo Casino, que discorre pola rúa Don Filiberto, obrigan a que o traxecto por esta vía, propio do Xoves Santo, se traslade á costa de Fernández Villaverde, a que une a rúa Michelena coa praza de Curros Enríquez.

Arquivado en