O xuízo polo triplo crime de Valga encara xa a recta final na Audiencia Provincial de Pontevedra. O vindeiro luns 13 de marzo todas as partes realizarán os seus informes finais e está previsto que pola tarde o xurado popular se encerre a deliberar sobre a culpabilidade ou non do único acusado, José Luis Abet.
Estaba previsto que a vista oral concluíse este venres cos informes, pero finalmente aprazouse este trámite porque, no inicio da sesión, todas as partes decidiron modificar as súas conclusións iniciais e agora terán ata o luns para adaptar os seus informes ás novas circunstancias.
Esta última sesión supuxo un importante cambio no procedemento en tanto que agora o único acusado enfróntase a unha agravante de xénero nos tres asasinatos polos que está acusado. Lembremos que lle xulgan porque, tal e como el mesmo confesou no seu día, en setembro de 2019 matou a tiros á súa ex muller, Sandra Boquete Jamardo (de 39 anos); a súa ex cuñada, Alba (27); e a súa ex sogra, Elena Jamardo (58) en presenza dos seus fillos de 4 e 7 anos.
A Fundación Amigos de Galicia, que exerce a acusación popular, pedía xa en ss conclusións iniciais que se aplicase a agravante de xénero no caso do asasinato da súa ex muller e o resto das partes non pedían esta circunstancia. Tras a celebración do xuízo, agora, todas as partes piden xa esta agravante.
O avogado da Fundación Amigos de Galicia, Francisco José Lago Calvo, pasou a pedir que tamén se aplique a agravante de xénero no caso dos outros dous asasinatos e tamén nos delitos dos que foron vítimas os seus fillos, lesións psíquicas graves.
Tamén o avogado da familia das vítimas, Manuel Martín, e a fiscala do caso, María Luisa Fraga, pediron agora, nestas conclusións, que se aplique a agravante de xénero no caso dos tres asasinatos.
A defensa de Abet tamén modificou as súas conclusións.
O xuízo celebrouse durante toda a semana a porta pechada polo "interese superior" dos dous fillos de José Luis Abet e Sandra Boquete Jamardo e o "importante risco de revictimización" que sofren .
Os menores son vítimas en si mesmos, pois sufriron graves danos psicolóxicos por presenciar os feitos, e á vez fillos, netos e sobriños das asasinadas. Cando o seu pai disparou á súa nai, estaban no asento traseiro do coche e, cando foi a por a súa avoa e a súa tía, escondidos nas proximidades, de modo que o presenciaron todo.
Abet, que se enfronta á pena de prisión permanente revisable, está acusado de tres delitos de asasinato, un delito de tenencia ilícita de armas e dous delitos de lesións psíquicas graves, cuxas vítimas son os seus dous fillos, dos que perdeu a patria potestade.
Ademais da pena de prisión permanente revisable, as partes piden para o acusado 23 e 25 anos por dous dos tres delitos de asasinato (polo terceiro sería a permanente revisable). Trátase dunha petición que só realizou nun primeiro momento a Fundación Amigos de Galicia, pero á que logo se adheriron a Fiscalía, a Xunta de Galicia e a acusación particular, aínda que con algún matiz.