Toda a comunidade educativa do CEIP de Ponte Sampaio colaborou para facer posible que o centro celebrase a Festa dos Maios. O traballo de alumnado, profesorado e familias empezou semanas atrás e tivo o seu momento central este martes.
O profesorado implicouse falando ao alumnado sobre a celebración, en que consiste, cal é a súa orixe e o seu significado e, unha vez que os escolares xa coñecían a tradición, promoveron a elaboración do seu propio maio e as súas propias coplas.
Todo o alumnado do centro participou na elaboración das cantigas e no deseño da estrutura e coroa do maio (neste caso unha cuncha de peregrino, xa que o centro ten un proxecto anual sobre o Camiño de Santiago). A implicación das familias centrouse na súa colaboración para recoller fiúncho, flores ou ovos.
Este martes, a xornada comezou coa decoración do 'maio' e, unha vez finalizado, cantaron as cantigas, seguindo a tradición da festa dos Maios, tamén coñecida simplemente como os Maios. Trátase dunha festa popular de orixes ancestrais que se remontan ás antigas civilizacións prerromanas, como a celta.
Esta celebración primaveral, que adoita celebrarse o 1 de maio pero o centro adiantouna un día, tiña antiguamente connotacións rituais totémicas á divindade primaveral ou das árbores, que se foron perdendo co paso do tempo.