Rebaixar a tan só un euro o prezo do billete do autobús que conecta o centro da cidade con Monte Porreiro. É a proposta que fai o socialista Tino Fernández, xunto coa mellora nas frecuencias de tránsito desta liña, para incentivar o seu uso.
Os socialistas proporán tamén unha mellora das bonificacións do abono mensual, ampliando as de familias numerosas e estudantes que deban desprazarse obrigatoriamente fóra do barrio para realizar os seus estudos, e a gratuidade para desempregados sen prestacións ou xubilados con pensión por debaixo do salario mínimo.
Co obxectivo de poñer estas iniciativas "canto antes" enriba da mesa, Fernández insta a Concello e Xunta a abandonar ese "fogo cruzado" en relación co plan autonómico de transporte e a convocar á comisión correspondente para definir o modelo de explotación que se quere implantar e os cartos que se van investir.
Segundo o líder socialista, o transporte público foi o "grande olvidado" da reforma urbana de Pontevedra, a pesares de que os veciños das parroquias "levan décadas demandando unhas liñas de autobuses en condicións para poder baixar ao centro".
"Se queremos asentar poboación nas parroquias, á marxe de darlles dotacións axeitadas no PXOM, é preciso xerar unha rede de transporte público que permita aos seus veciños chegar a Pontevedra e irse sen a necesidade de coller o coche, cando menos ás horas de entrada e saída dos traballos. E máis aínda nun modelo de cidade como o noso", engadiu.
Con todo, o PSOE entende que o plan autonómico de transporte deseñado pola Xunta "non lle serve a Pontevedra", ao deixar fóra unha área "moi importante" como son os concellos de Sanxenxo, Moraña, Barro, Cotobade ou A Lama.
Para Tino Fernández, pérdese deste xeito a oportunidade de empregar o trazado dalgunha desas liñas para dar solución ás demandas dunha parte do rural pontevedrés.