Con Tino Fernández, o PSOE quere dar un "aire" e un "impulso" a Pontevedra e conseguir "revitalizar" a cidade tras vinte anos de goberno do BNG. Así o destacou o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, que arroupou ao actual portavoz municipal dos socialistas na súa presentación oficial como candidato á Alcaldía.
Xunto a el estiveron, entre outros, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; a subdelegada do Goberno, Maica Larriba; o secretario provincial dos socialistas pontevedreses, David Regades; ou os alcaldes de Cuntis, Caldas de Reis e Vilaboa. Todo iso para dar unha imaxe de unidade a seis meses das eleccións municipais.
Na súa intervención, que comezou cun emotivo agradecemento á súa nai, da que dixo ter aprendido a "loitar polo que é xusto e defender as túas ideas", Tino Fernández sinalou que é un "orgullo" e unha "responsabilidade" liderar a candidatura do PSdeG-PSOE e prometeu traballar para ser o primeiro alcalde socialista da historia da cidade.
Para iso, avanzou que a súa proposta xirará sobre a necesidade de priorizar as políticas sociais, reequilibrar o territorio e reducir as desigualdades en barrios e parroquias, aprobar un novo PXOM, implantar o transporte público, fomentar a actividade económica, modificar a política fiscal do concello ou facilitar a participación veciñal na xestión municipal.
"A única alternativa de esquerdas ao goberno actual é o PSOE", sinalou Fernández, que como primeira promesa electoral, recalcou, asegura que se accede ao goberno municipal haberá dúas vías sanitarias libres de lombos para acceder a Montecelo, colocando outro tipo de reductores de velocidade para evitar que as rúas sexan un "circuíto de carreiras".
Sobre o estrado a Tino Fernández precedérono Maica Larriba, que defendeu que o PSOE é a alternativa a un proxecto "amortizado e esgotado" como o de Lores e que aposta por unha Pontevedra "que sexa da xente"; ou David Regades, que vaticinou un crecemento dos socialistas nas próximas eleccións que permitirá que "gobernemos sós" na Deputación.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, tamén destacou que as próximas municipais son "importantísimas" para o PSOE, xa que deben servir como un "alicerce" desde o que "sacar ao PP" de todas as administracións nas que gobernan, sobre todo dunha Xunta de Galicia da que "temos que conseguir que se vaian os caciques".
Silva mostrou todo o seu apoio a Tino Fernández, do que dixo que "serei a súa sombra se Tino quere que o sexa" e ao que lle pediu que "contes comigo para o que queiras", xa que reiterou que "non hai nada que me interese máis" que conseguir que o PSOE "teña forza" na cidade de Pontevedra.
Gonzalo Caballero, pola súa banda, destacou que co "amigo Tino" á fronte, "non hai mellor opción" para abrir unha "nova etapa" en Pontevedra que unha esquerda "aberta, con capacidade de diálogo, comprometida, adaptada aos novos tempos e que ten liña directa con Pedro Sánchez". Todo iso, dixo, ofréceo o candidato socialista á Alcaldía.
Xa en clave autonómica e nacional, Caballero pediu aos socialistas combater a unha dereita que está "fragmentada en tres cabezas" e que está "xogando con todo o que teñen" para desaloxar a Pedro Sánchez da Moncloa e "coaligarse" para gobernar en todo o Estado.
"Temos que saír a vencer e a convencer", dixo o líder dos socialistas galegos ante as próximas eleccións municipais e europeas, atraendo o voto "dos que teñen máis dificultades" e que, segundo recoñeceu, poden optar por un "voto de castigo" ou achegarse a partidos que "emerxen desde o populismo" e que non teñen "capacidade de xestión".
O dirixente socialista lembrou que, fronte a iso, o PSOE debe poñer en valor os "avances" logrados polo executivo de Pedro Sánchez en apenas seis meses, que "contrastan" cos anos de "retroceso" que Galicia e España sufriron durante os gobernos de Alberto Núñez Feijóo e Mariano Rajoy.