Tino Fernández califica de "tacaña" a proposta do PP para Monte Porreiro

Pontevedra
22 de xaneiro 2022

O tenente de alcalde de Pontevedra e voceiro do grupo municipal do Partido Socialista, Tino Fernández, califica de "tacaña" a proposta realizada polo voceiro do Partido Popular, Rafa Domínguez para que se invista un millón de euros en humanizar Monte Porreiro, posto que "as concellerías xestionadas polos socialistas investirán bastante máis dun millón no barrio neste mandato"

Tino Fernández, tenente de alcalde de Pontevedra
Tino Fernández, tenente de alcalde de Pontevedra / Mónica Patxot

O tenente de alcalde de Pontevedra e voceiro do grupo municipal do Partido Socialista, Tino Fernández, califica de "tacaña" a proposta realizada polo voceiro do Partido Popular, Rafa Domínguez para que se invista un millón de euros en humanizar Monte Porreiro, posto que "as concellerías xestionadas polos socialistas investirán bastante máis dun millón no barrio neste mandato". 

Fernández asegura que "o líder do PP debería estar xa ao tanto dos importantísimos proxectos que se teñen realizado, que están en marcha e que se van realizar na urbanización" e considera que Domínguez "faríalle un favor moitísimo máis grande aos seus veciños se empregase as súas forzas en esixirlle á Xunta que invista os preto de oito millóns de euros que lle debe ao barrio"

Entre as actuacións máis relevantes impulsadas polas concellarías xestionadas polos socialistas neste mandato, o tenente de alcalde destaca "o proxecto para abrir o parque da Uned, que conta cunha achega de 152.000 euros; a renovación do parque infantil, a nova tirolesa e o axardinamento da Praza de Europa (fase I), executado cun orzamento de 40.000 euros; a segunda fase de renovación deste mesmo parque, que conta cunha partida de 59.784 euros; a creación de dúas novas pistas de petanca valoradas en 30.000 euros no contorno da igrexa; os arranxos e adaptacións das zonas de xogo ás normativas de seguridade (24.000 euros); as actividades de dinamización realizadas pola Concellería de Promoción Económica e Turismo (uns 25.000 euros), ou o mantemento e reparacións en centros educativos (10.000 euros)". 

A estas obras engadiu a mellora do parque da rúa Irlanda (28.000 euros), a limpeza da parcela da Escola Taller (5.000 euros), a tala de especies invasoras e o saneamento do noiro de acceso ao barrio na avenida de Bos Aires (1.800 euros), a eliminación de eucaliptos e saneamento no acceso ao barrio nos salóns do Lérez (14.000 euros) e os 30.000 euros investidos en zafarranchos de limpeza e desbroce.

Ademáis Tino Fernández avanzou que "a Concellería de Desenvolvemento Sostible ten ademais previsto incluír na seguinte modificación de crédito que aprobe o Concello o proxecto de reforma integral da zona verde situada entre as rúas Luxemburgo, Irlanda, Reino Unido e Alemaña, que contempla a creación dunha pista polideportiva, cunha achega de 400.000 euros; o acondicionamento dos xardíns da rúa Portugal, cunha partida de 45.000 euros, e a dotación dun xardín na rúa Grecia". 

"Aquí tamén hai que engadir os 460.000 euros dos fondos Next Generation que se destinarán á rexeneración ambiental do BIC do río Lérez e os 450.000 euros de fondos europeos para a rehabilitación da antiga ponte do ferrocarril e a creación dunha senda entre a praia fluvial e o mosteiro de Lérez, dentro do noso Plan de Sostibilidade Turística", apunta o edil do PSOE.

Entre os investimentos executados tamén figuran os 22.000 euros da reparación da senda fluvial do Lérez no treito que discorre por Monte Porreiro, os 24.400 euros para a renovación das pasarelas de madeira da senda fluvial e os 46.000 euros para o aporte de area e a reparación de diversos desperfectos na praia fluvial.