Tímido descenso dos casos activos por covid-19 na práctica totalidade da área sanitaria

Pontevedra
16 de novembro 2020

Volven ser seis, iso si, os concellos con nivel de alerta 3 (vermello), tras o regreso de Vilagarcía a esta lista apenas 24 horas despois de saír dela. Súmase aos que xa estaban nesta máxima alerta: Pontevedra, Marín, Poio, Sanxenxo e Cambados

Incidencia da covid-19 nos concellos da área sanitaria a 16 de novembre
Incidencia da covid-19 nos concellos da área sanitaria a 16 de novembre / Servizo Galego de Saúde

As restricións aplicadas en gran parte da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés parece que empezan a dar os seus froitos. Na práctica totalidade dos seus municipios, especialmente os máis afectados, descende a incidencia da covid-19, aínda que sexa de maneira aínda tímida.

Volven ser seis, iso si, os concellos con nivel de alerta 3 (vermello), tras o regreso de Vilagarcía a esta lista apenas 24 horas despois de saír dela. Súmase aos que xa estaban nesta máxima alerta: Pontevedra, Marín, Poio, Sanxenxo e Cambados.

Pontevedra, evidentemente pola súa maior poboación, segue sendo o municipio con máis casos activos. Os datos achegados por Sanidade este luns identifican 350 persoas con covid-19, catro menos que este domingo

En Marín, pola súa banda, o goberno municipal traslada a existencia de 96 casos activos, un menos que onte. É a mesma redución que se rexistra en Poio, que ten 66 contaxiados. En Cambados, polo contrario, hai dous casos máis ata un total de 65. E tres máis detectáronse en Sanxenxo, que ten 76 casos activos.

Outros tres municipios, O Grove, Ribadumia e Meis, están no nivel de alerta 2 (laranxa), do que saen Soutomaior (39 casos, un máis) e Caldas de Reis.

Ambos pasan agora ao nivel de alerta 1 (amarelo), onde se manteñen Cuntis, Meaño, Bueu e Vilanova de Arousa (26 casos activos, tres máis) e ao que sobe de novo Cerdedo-Cotobade.

O nivel de alerta 0 (verde) está activo na Illa de Arousa, Vilaboa e A Lama, onde se reduciu a incidencia desde onte, así como en Ponte Caldelas, Barro, Portas, Campo Lameiro e Moraña. En todos eles detectáronse menos de sete contaxios na última semana.