Test para o tráfico rodado na PO-308 en Portonovo cunha nova rotonda e tres illotes temporais

Sanxenxo
21 de decembro 2022

A adxudicataria comezou hai dúas semanas cos traballos da primeira fase da actuación

Rotonda temporal na PO-308, en Sanxenxo
Rotonda temporal na PO-308, en Sanxenxo

Unha rotonda e tres illotes de obra testan desde este martes pola tarde a circulación do tráfico rodado na PO-308 no cruzamento que vai á Rúa Areal e a Adina na estrada da Lanzada. 

A adxudicataria das obras, Oresa Construción e Servizos Globais, comezou os traballos fai un par de semanas e colocou estes elementos temporais como unha simulación da organización do tráfico tras a obra. 

A pesar de que as dimensións non se corresponden cos elementos finais, xa que esta rotonda en proxecto ten un diámetro de 23 metros, a súa colocación axuda a observar como influirá na seguridade viaria e a fluidez do tráfico.

O proxecto, valorado en 2,3 millóns de euros e que se vai a financiar ao 70 e 30% entre a Consellería de Infraestruturas e o Concello de Sanxenxo, abarca un tramo de 810 metros no que se vai a substituír a rede de saneamento, abastecemento de auga, separación de pluviais, iluminación e redes telefónicas.

A mellora contempla a ampliación dos espazos peonís e a ordenación do tráfico coa creación de dúas novas rotondas á altura da estrada de Adina e a rúa da Perla, un illote central que separa ambos os sentidos da circulación e o axardinamento e arboledo da travesía.

A empresa delimita no seu cronograma 3 zonas ou fases de actuación. A primeira vai desde a rotonda de inicio dos traballos ata o mercado de abastos; a segunda, desde o mercado ata o cruzamento da Perla onde está prevista a construción dunha rotonda e a terceira, desde A Perla ata a nova rotonda de Canelas.

As obras tratarán de afectar o menos posible a veciños e negocios da contorna que sempre terán o acceso garantido, a pesar das molestias que poidan xerar a obra. Tras o período do Nadal, habilitarase un carril único central no tramo incluído dentro da primeira fase para garantir o paso de vehículos de residente ou de servizos. Mentres que nas fases 2 e 3 estará o tráfico viario aberto en todo momento.

O deseño proxectado tamén inclúe a renovación dos servizos coa instalación das canalizacións subterráneas para o cableado de telefonía e para a electricidade que substituirán os actuais tendidos aéreos e a renovación das redes de abastecemento, saneamento, pluviais e de iluminación pública.