A Xunta, a través Turismo de Galicia, asinou este martes un convenio de colaboración coa Mancomunidade Terras de Pontevedra para seguir realizando de actividades de promoción e información turística nesta comarca, concibida como un único xeodestino.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente da Mancomunidade, Miguel Anxo Fernández Lores, rubricaron o acordo que permitirá unha achega de 60.000 euros por parte da administración autonómica, ao que haberá que sumar as achegas dos concellos de Poio, Cotobade, Marín, Campo Lameiro, Ponte Caldelas e Pontevedra.
Nava Castro detallou que este diñeiro destinarase a poñer en marcha estas actividades de promoción, entre as que se atopa o impulso á comercialización de paquetes turísticos que teñan a arte rupestre como reclamo ou a edición de novo material promocional.
Tamén se inclúen actividades relacionadas coa incorporación das novas tecnoloxías e a mellora no acceso dixital aos recursos turísticos dos concellos de Terras de Pontevedra, como o desenvolvemento de audioguías ou unha aplicación para teléfonos móbiles.
A idea é que estas actuacións permitan mellorar os datos turísticos desta comarca. No caso concreto da cidade de Pontevedra que o pasado ano recibiu preto de 78.900 viaxeiros que realizaron máis de 148.000 pernoitas, segundo a Xunta.
Pola súa banda, Fernández Lores, destacou o "gran percorrido" que ten este traballo conxunto de todos os concellos para captar esta "importante fonte de ingresos" e remarcou que en materia turística "non son bos os minifundios nin que cada quén ande arrimando a ascua a súa sardiña". Neste sentido os concellos de Barro e A Lama xa avanzaron o seu desexo de incorporarse a esta mancomunidade Terras de Pontevedra.