O Pleno da Mancomunidade Terras de Pontevedra estudou este xoves un adianto das liñas de actuación previstas para este ano 2014. O máximo órgano reitor da mancomunidade está presidido polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e conta con representación dos concellos participantes: Marín, Poio, Ponte Caldelas, Vilaboa, Cotobade e Campo Lameiro.
A concelleira de Turismo pontevedresa, Carlota Román informou da xuntanza que mantivo, acompañada do alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, co director da Axencia Galega de Turismo, José Luis Maestro, quen confirmou unha achega de 90.000 euros á mancomunidade mediante a sinatura dun convenio de colaboración.
Esta dotación, xunto coa achega que fagan os concellos da Mancomunidade (que agora se xestiona conxuntamente coa empresa municipal Turismo de Pontevedra) permitirá poñer en marcha tres liñas estratéxicas para esta anualidade.
En primeiro lugar, vaise traballar a posta en valor dos recursos patrimoniais dos concellos con petroglifos: Marín, Campo Lameiro, Ponte Caldelas e Poio. O obxectivo é crear unha ruta integrada con gastronomía e aloxamento rural para configurar un produto turístico propio e diferenciado. Valorarase tamén a integración deste produto coa oferta doutras localizacións rupestres.
Unha segunda liña de actuación centrarase na sinalética dos distintos fitos turísticos dos concellos.
A terceira porá o foco na comunicación, especialmente na Internet.