Teresa Valero deseña o cartaz da primeira edición dos premios Virxinia Pereira de banda deseñada

Pontevedra
18 de xaneiro 2017

Amplíase ata o 15 de febreiro o prazo para a presentación dos traballos

Kiko da Silva e Carmen Fouces co cartaz da primeira edición dos Premios Virxinia Pereira de banda deseñada
Kiko da Silva e Carmen Fouces co cartaz da primeira edición dos Premios Virxinia Pereira de banda deseñada / PontevedraViva

Os premios de banda deseñada a prol da igualdade que promove o Concello de Pontevedra levarán o nome de Virxinia Pereira, a responsable de que o legado de Castelao, o seu home, chegase até nós. Visibilizar ás, até agora, escasas autoras de banda deseñada e impulsar a perspectiva de xénero neste ámbito son os obxectivos da convocatoria.

A concelleira de Igualdade, Carmen Fouces e o debuxante Kiko da Silva presentaron este mércores o cartaz dos premios, feito por Teresa Valero, debuxante e guionista de banda deseñada, e unha exitosa profesional da animación.

Aproveitaron o momento para anunciar a ampliación do prazo de presentación dos premios -anunciados nun primeiro momento como premios Ernestina Otero de banda deseñada- ata o 15 de febreiro. O fallo darase a coñecer o 8 de marzo, Día da Muller.

As historietas gañadoras serán a base dunha exposición de banda deseñada, que formará parte da programación dos actos do 8 de marzo e conformará unha publicación destinada aos centros educativos.