Teresa Narciso formará parte da candidatura de Marea Pontevedra para as municipais

Pontevedra
18 de marzo 2019

Foi unhas das seis primeiras mulleres en formar parte da Policía Local de Pontevedra

Teresa Narciso formará parte da candidatura de Marea Pontevedra para as municipais
Teresa Narciso formará parte da candidatura de Marea Pontevedra para as municipais / Marea Pontevedra

Recentemente xubilada, Teresa Narciso da o salto á política local e o fai da man de Marea Pontevedra. No 1985 foi unha das seis primeiras mulleres da Policía Local de Pontevedra, "o máis bonito do meu traballo foi serlle útil a cidadanía de Pontevedra. Desfrutei enormemente axudando a mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza", asegura.

O único que lamenta dunha carreira laboral "máis que gratificante" é "a falta de recoñecemento por parte do goberno e o maltrato ao que someten as súas traballadoras".

A súa retirada chega nun conflito laboral similar ao que xa viviu no ano 2007. Afirma que os axentes da Policía Local "non pedimos nada máis que os dereitos que nos corresponden, equiparación salarial, respecto e a posibilidade de desenvolver unha carreira laboral no Concello de Pontevedra". Por este motivo non acudirá á homenaxe que lle fará o Concello este luns co gallo da súa xubilación. "É unha cuestión de dignidade", di.

Para Marea Pontevedra é "un orgullo" contar con Teresa Narciso "por representar perfectamente o espírito do colectivo cidadá, pois estamos falando dunha muller feminista, inconformista, soñadora e, por riba de todo, con moitas gañas de traballar para mellorar a calidade de vida de toda a xente de Pontevedra".

 

Arquivado en