Teresa Guerra Díaz, galardoada co Premio 8 de Marzo de UGT

Pontevedra
07 de marzo 2018

A homenaxeada, que se xubila este ano como membro do persoal de limpeza do Hospital Provincial, recibe o galardón de mans da Unión Xeral de Traballadores como conmemoración polo Día Internacional da Muller Traballadora

Homenaxe e entrega do premio á muller traballadora: Teresa Guerra Díaz
Homenaxe e entrega do premio á muller traballadora: Teresa Guerra Díaz / María López
Teresa Guerra sobre o Premio 8 de Marzo e a folga feminina /

UGT entregaba este mércores o Premio 8 de Marzo que conmemora o Día Internacional da Muller e a galardoada este ano é Teresa Guerra Díaz, traballadora do servizo de limpeza do Hospital Provincial de Pontevedra.

A entrega do premio coincide coa xubilación de Teresa, polo que o sindicato quixo convertelo na celebración da carreira desta muller que loitou toda a súa vida contra o machismo e a opresión da muller no ámbito laboral.

Teresa, que iniciou a súa carreira laboral moi nova con tan só 14 anos nun establecemento de ultramarinos, topouse co machismo de primeira man cando no ano 1977 a empresa na que traballaba despediuna polo simple feito de casar. No ano 1991 volveu ao ámbito laboral tendo 4 fillos e coa máis nova con tan só 10 meses, incorporándose ao Hospital Provincial no que este ano se retira.

 A muller móstrase sorprendida e agradecida por recibir este recoñecemento, aínda que "piense que haya mujeres que lo merezcan más que ella". Tamén quere lembrar a todas as que sofren por culpa do machismo día a día e mostra o seu total apoio ante a folga feminina convocada para o 8 de marzo, a cal cre necesaria "para reivindicar nuestros derechos, para que no haya tanta desigualdad".

A entrega do galardón tivo lugar na sede de UXT en Pontevedra, onde a súa familia, amigos e compañeiros reuníronse para celebralo. Tere quixo lembrar no acto a todas as "heroínas" que loitan cada día por conseguir a igualdade de dereitos en todos o ámbitos, ás que dedica este premio.