O programa 'Enredadas' posto en marcha polo Centro de Información á Muller (CIM) de Soutomaior afronta a súa terceira edición.
Foi presentada este xoves pola concelleira de Igualdade e Benestar Social, Rosana Martínez Boullosa, e a avogada do CIM, Clara Rodríguez.
Supoñerá un conxunto de iniciativas e actividades grupais dirixidas a persoas maiores de 60 anos, realizadas en colaboración con distintas asociacións veciñais, que se desenvolverán de febreiro a xuño.
Naqueles casos nos que as mulleres interesadas en participar pertenzan a colectivos vulnerables, tales como vítimas de violencia de xénero, migrantes ou mulleres con mobilidade reducida, non se terá en conta o criterio de idade, sinalaron na presentación.
As actividades, todas elas de balde, comezarán maiormente na primeira quincena de febreiro, con carácter semanal.
Así, do 19 de febreiro ao 9 de abril impartirase todos os mércores en horario de 17:00 a 18:30 horas un obradoiro de risoterapia, en colaboración coa Asociación de Veciños de Romariz.
O día 17 de febreiro comezarán as clases de pilates en colaboración coa Asociación de Veciños de Moreira que se desenvolverá ata o 7 de abril. Do 19 de febreiro ao 9 de abril será a quenda do obrtadoiro de pilates en colaboración coa asociación Oito de Decembro.
O día 21 de febreiro ata o 11 de abril a Asociación Veciñal Pozovello contará co obradoiro de risoterapia. A arte floral será do 18 de febreiro ao 8 de abril a protagonista dunha actividade que se impartirá coa Asociación de Veciños de Alxán, e a cociña saudable será un obradoiro de Mulleres Rurais Anduriña do 18 de febreiro ao 25 de marzo.
As mulleres interesadas en formar parte destas iniciativas poden inscribirse poñéndose en contacto de maneira directo coa asociación que imparte a actividade elixida.